Ir o contido principal

A USC participa nun estudo que analiza o consumo de drogas en Europa a través dos residuos nas augas

O estudo servíu para configurar o mapa do consumo de drogas en Europa
O estudo servíu para configurar o mapa do consumo de drogas en Europa
O grupo de investigación analizou durante tres anos as augas residuais de Santiago na busca de residuos do consumo de cannabis, cocaína, anfetaminas e éxtase

Establecer os índices de consumo de drogas a través dos rastros destas en augas residuais é o principal obxectivo dun estudo promovido pola Axencia Europea de Control de Drogas e Drogadicción (EMCDDA), no que participa a USC. O grupo de investigación de cromatografía e quimiometría, vinculado ao Instituto de Investigacións e Análises Alimentarios e ao Departamento de Química Analítica da USC, foi o encargado de analizar as augas de Santiago de Compostela, continuando cunha liña de investigación iniciada en 2012 e que lidera o profesor José Benito Quintana. As investigadoras Iria González e Inés Racamonde son as autoras das conclusións para a cidade que se publican na revista Addiction nun artigo que recolle osdatos de 42 cidades de 21 países e que destaca as diferenzas xeográficas e temporais no consumo de drogas en Europa. No estudo analizáronse as augas residuais de cidades europeas na procura de residuos do consumo de cocaína, anfetamina, metanfetamina, MDMA (éxtase), e cannabis. En España, ademais de Santiago de Compostela, analizáronse as augas de Castellón, Valencia e Barcelona. As conclusións dos investigadores da USC sobre o consumo na capital galega establece que, no consumo de cocaína Santiago conta con niveis inferiores ao resto das cidades españolas, que se atopan nun nivel medio-alto comparado co resto de cidades europeas, superado por Suiza, Bélxica, Paises Baixos e Gran Bretaña. En canto ao consumo de anfetamina e a metanfetamina, o estudo establece que Santiago ten un consumo baixo dentro de España e en xeral dentro de Europa. Particularmente no caso da metanfetamina, esta substancia ten maior consumo nos países nórdicos, leste de Europa e leste de Alemaña, onde substitúe en parte ao consumo de cocaína. Outra das sustancias que formaban parte do estudo é o MDMA (éxtase), no que Santiago apunta un consumo superior a Valencia e Castellón e inferior a Barcelona, atopándose os maiores índices de consumo desta droga en Suíza, Bélxica, Países Baixos e Gran Bretaña. Por último, en relación ao cannabis, constátase consumo similar en todas as cidades españolas, un consumo considerado alto pero superado por Francia, Grecia e Países Baixos. Conclusións en Europa O proxecto, o máis amplo realizado ata o momento en Europa, revela diferenzas xeográficas e cambios temporais nos hábitos de consumos de drogas en contornos metropolitanos. O estudo analiza o consumo de drogas a través dos restos nas augas residuais de cidades como Nicosia, Londres, Estocolmo ou Lisboa, analizando mostras de augas residuais cada día nas zonas de influencia das Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) durante períodos de semanas. En 2012 o estudo incluíu a 23 cidades en 11 países, mentres que en 2013 ampliouse a 42 cidades en 21 países. Os datos dun estudo de 2011 con 19 cidades de 11 países, empregáronse para a comparación. Deste xeito analizáronse as augas residuais de aproximadamente 8 millóns de persoas.

Os resultados revelan que os rastros de cocaína foron máis altos nas cidades occidentais e algunhas do sur de Europa, pero menor nas cidades do norte e do este.

O uso de anfetaminas, aínda que bastante uniforme, mostrou niveles de consumo máis elevados no norte e noroeste de Europa. Pola súa banda, o consumo de metanfetamina en xeral é baixo e concentrado na República Checa e Eslovaquia, con presenza no este de Alemaña e norte de Europa. En canto aos patróns semanais de consumo, os niveis de cocaína e éxtase aumentaron considerablemente as fins de semana na maioría das cidades mentres que o consumo de metanfetamina e cannabis se distribúe dunha forma máis uniforme ao longo da semana.

O método
A análise de augas residuais é unha disciplina científica que se desenvolveu rapidamente nos últimos anos xa que revela importantes datos sobre o consumo de drogas ou medicamentos. Os investigadores toman mostras das augas que chegan ás estacións de tratamento e as analizan en busca de metabolitos, substancia xerada polo organismo humano ao procesar drogas. A partir dos índices detectados establecen os niveis de consumo de diferentes estupefacientes.

A USC conta cunha liña de investigación dedicada á busca de rastros do consumo de drogas a través da análise de augas residuais, liderada polo profesor José Benito Quintana e recoñecida pola Real Academia Galega de Ciencias cun premio en 2012 por un estudo centrado en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2014.