Ir o contido principal

A USC participa en Foresgal 2008 con demostracións da investigación en materia forestal que se realiza no Campus de Lugo

A comitiva de inauguración, visitando o stand da USC
A comitiva de inauguración, visitando o stand da USC
A feira, que se inaugura o venres ás 12:00, poderá visitarse durante toda a fin de semana

A USC está presente este ano na segunda edición de Foresgal, a feira forestal máis importante de Galicia, que se celebra no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo por segundo ano consecutivo dende o venres 28 cunha duración de tres días.
A Universidade de Santiago de Compostela dispón dun stand no que varios grupos de investigación do sector forestal fan demostracións didácticas dalgunhas das súas actividades. O obxectivo desta iniciativa é achegar ao público en xeral o traballo investigador que se está a desenvolver nesta Universidade.
Estas demostracións teñen lugar os tres días de 12:00 a 14:00 horas a cargo da Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Lugo. Ademais da demostración práctica de diversas técnicas de medición de árbores amosan diversos programas de software como o GesMO (Xestión por modelos), o TCCP (Tarifas con clasificación de produtos), WinCP Navarra (Windows clasificación de produtos para Navarra), LiFOR Edició Catalunya e LiFOR Pocket PC, entre outros.
Ademais, o venres pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, estarán os técnicos do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) e do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC para explicar o traballo que realizan.
Finalmente o domingo 30, ás 18:30 horas, o profesor da USC David Miranda Barros ofrecerá unha conferencia co título ‘Tecnoloxía LIDAR na xestión forestal’ no Salón de Actos do Pazo.
A inauguración de Foresgal 2008 tivo lugar o venres 28 ás 12:00 horas e nela participou por parte da USC o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino. A apertura da feira estivo a cargo do vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, que estivo acompañado tamén polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o alcalde de Lugo, José López Orozco, entre outras autoridades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2008.