Ir o contido principal

A USC participa nun foro internacional sobre a saúde do planeta

No grupo participan 38 expertos de diferentes disciplinas. FOTO: Santi Alvite
No grupo participan 38 expertos de diferentes disciplinas. FOTO: Santi Alvite
O profesor Sebastián Villasante representa a España no Grupo de Avaliación dos Cambios Transformadores da Plataforma Internacional de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos e reflexionarán sobre as consecuencias sociais dos cambios para os seres humanos
Santiago de Compostela

A Plataforma Internacional de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos (IPBES), a través do seu Grupo de Avaliación dos Cambios Transformadores, reúnese dende este martes, ata o venres 24 de abril, para realizar unha avaliación do estado actual de saúde do planeta e as súas consecuencias sociais para os seres humanos. O profesor Sebastián Villasante do Departamento de Economía Aplicada da USC representará a España neste foro.

O último informe do IPBES publicado en 2019 destacou que o planeta está sufrindo un declive xeneralizado da biodiversidade sen precedentes, con potenciais consecuencias como a xeración de novas pandemias como a COVID-19. No Grupo de Avaliación dos Cambios Transformadores traballarán 38 expertos de diferentes disciplinas dos catro continentes seleccionados pola Secretaría Xeral do IPBES para elaborar o primeiro informe global sobre os cambios transformadores necesarios para acadar transicións de cara futuros sustentables no ano 2050.

"Estas transicións deber ser compatibles co mantemento da biodiversidade do planeta o os obxectivos do desenvolvemento humano", explica Villasante. "Os cambios incluirán factores ambientais, sociais, culturais,  económicos, institucionais e tecnolóxicos, que permitan superar os obstáculos actuais da desigualdade na distribución dos bens e servicios entre a sociedade", conclúe.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2020.