A USC participa na organización do III Congreso Ibérico sobre o papel das TIC no ensino e no desenvolvemento local
A USC forma parte, xunto coas outras dúas universidades galegas, do comité organizador da terceira edición do Congreso Ibérico TIC / Escola e Desenvolvemento Local, que se desenvolverá na localidade portuguesa de Póvoa de Varzim os días 23 e 24 de novembro próximos, tras as dúas primeiras edicións celebradas en Silleda (Pontevedra) nos anos 2005 e 2008. Na organización do congreso participan tamén asociación para o desenvolvemento pedagóxico Nova Escola Galega e universidades do norte de Portugal (Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e Escola Superior de Educação de Paula Frassinetti). Xesús Rodríguez Rodríguez, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, forma parte da comisión organizadora en representación da USC e Nova Escola Galega. Na comisión científica participan os tamén profesores da USC Mª Lourdes Montero Mesa e Pablo César Muñoz Carril. Este encontro pretende constituírse nun foro de debate entre profesionais das dúas beiras do Miño sobre o estado actual das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) nos contextos escolares e non escolares. Deste xeito, docentes, educadores sociais, pedagogos, traballadores sociais e psicólogos, entre outros especialistas, compartirán experiencias sobre a importancia e as posibilidades das TIC nos ámbitos escolar e do desenvolvemento local. O programa inclúe relatorios de investigadores e especialistas nestas áreas, procedentes de máis dunha ducia de universidades galegas e portuguesas, así como comunicacións de docentes de distintas procedencias. No encontro tamén se fará especial fincapé nos problemas derivados da ‘ fenda dixital’, é dicir, nas desigualdades de acceso ás novas tecnoloxías por parte de determinados colectivos ou comunidades. A presentación oficial do congreso realizouse o luns 30 en Póvoa de Varzim, coa presenza de representantes de todas as entidades e institucións que forman parte do seu comité organizador.