A USC participa no primeiro curso en liña vía Twitter sobre microbioloxía

Membros do Grupo de Innovación Docente en Microbioloxía da USC (MIKROBIOS) coordinado polo profesor Jesús López Romalde participan xunto con outros 27 docentes e investigadores de 20 universidades e centros de investigación no primeiro curso mundial en liña gratuíto vía Twitter sobre microbioloxía. A iniciativa está coordinada e organizada polo grupo de Docencia e Difusión da Microbioloxía da Sociedade Española de Microbioloxía (SEM), sendo a primeira sociedade científica do mundo que organiza un curso a través desta rede social.
Cunha linguaxe sinxela, divulgativa e moi visual, o obxectivo é difundir conceptos e nocións básicas sobre microbioloxía a estudantes de bacharelato, profesores de secundaria, universitarios, profesionais das ciencias, xornalistas científicos e público en xeral. As “clases” compoñeranse de 30-40 tweets con contidos, webs, links, novas, imaxes ou vídeos sobre cuestións científicas relacionadas coa microbioloxía dunha duración de arredor de 30 minutos que se enviarán a unha hora e día da semana concretos. Cada día tratarase un tema distinto, desde qué é un virus ata a malaria ou a resistencia aos antibióticos.
En conxunto constitúe todo un curso en liña masivo gratuíto (MOOC) que poderá seguir calquera persoa a partir do 5 de abril (ata o 2 de xuño) con conta en Twitter coa etiqueta #microMOOCSEM. As “clases” enviaranse a través da conta de Twitter da SEM @SEMicrobiologia e quedarán logo recollidas na dirección de internet https://storify.com/microMOOCSEM.
Ademais da USC, participan nesta innovadora experiencia as universidades de Barcelona, Navarra, Alacante, Cantabria, Complutense de Madrid, Miguel Hernández, País Vasco, Granada, Málaga, León, Valencia, Sevilla, Zaragoza e Autónoma de Barcelona, e o Instituto Español de Oceanografía, o Centro Superior de Investigación en Saúde Pública-Fundación FISABIO, o Hospital Doce de Octubre-CNIO, o Centro Nacional de Microbioloxía e o Massachusetts General Hospital de Boston (EE.UU.).