A USC participa no Programa de Educación Ambiental da Universidade de León
A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco, participa no Programa de Educación Ambiental da Universidade de León que ten como principal finalidade facilitar unha formación continua aos membros da comunidade universitaria e reflexionar sobre a problemática medioambiental dende a perspectiva da solidariedade.
Este programa, que comezou o pasado 18 de setembro, articúlase en diferentes talleres de sensibilización e difusión medioambiental. Así, a Universidade de Santiago, a Autónoma de Madrid, Girona e Salamanca colaboran concretamente no módulo titulado ‘Ciclo sobre os Plans de Desenvolvemento Sostible e Calidade Ambiental nas Universidades Españolas’ que se desenvolverá os días 27 e 28 de outubro en León. A participación da USC nestas xornadas permitirá difundir as súas campañas sobre educación ambiental e compartir experiencias con outras universidades.
Por outra banda, membros do Plan de Desenvolvemento Sostible participaron o pasado luns 24 no I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia debatendo na área de traballo ‘Educación Ambiental e Universidade’ sobre a necesidade de integrar a educación ambiental como materia transversal nos currículos universitarios e nas actividades organizadas polas oficinas medioambientais das universidades.