Ir o contido principal

A USC participa nun novo proxecto europeo de dixitalización da literatura matemática

A Comisión Europea acaba de anunciar a posta en marcha do proxecto EuDML: A Biblioteca Dixital Europea de Matemáticas, no que a Universidade de Santiago coordinará un dos grupos de traballo baixo a responsabilidade dos profesores da Facultade de Matemáticas Felipe Gago e Enrique Macías, co apoio técnico da OIT.
A iniciativa busca facilitar o acceso a escala europea a todas as coleccións xa existentes de revistas de investigación e outros contidos dixitais relacionados coas Matemáticas, tendo en conta que dende finais do XIX hai publicados case 3 millóns de artigos de investigación a un ritmo actual de 80.000 novos cada ano. O acceso a todo ese material a través de edicións en papel nas bibliotecas está sendo substituído paulatinamente polo acceso electrónico a través de Internet.
O proxecto europeo EuDML será o encargado deste xeito de coordinar os estándares técnicos e bibliográficos necesarios para o intercambio de datos e de promocionar o mantemento a longo prazo das coleccións, procedentes tanto de institucións públicas como de editoriais comerciais. Isto permitira o acceso universal a repositorios que hoxe están fragmentados e son incompatibles a través dunha Biblioteca Europea Dixital que se converterá nunha potente ferramenta a disposición dos matemáticos profesionais.
Ademais de España, no que tamén intervén a Axencia Estatal do CSIC, outros oito países europeos -Alemaña, Bulgaria, Francia, Grecia, Polonia, Portugal, Reino Unido e República Checa- participan no proxecto, que forma parte do programa CIP ICT para a creación de bibliotecas dixitais e que, cunha duración de tres anos, será financiado con 1,6 millóns de euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2010.