Ir o contido principal

A USC participará na coordinación dos traballos de redacción das Directrices de Ordenación do Territorio

Foto Xunta de Galicia
Foto Xunta de Galicia
Esta colaboración implica un investimento de 95.000 euros

O reitor da USC, Juan Viaño, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron este luns un convenio de colaboración polo que a institución académica dará soporte técnico á Xunta e participará na coordinación dos traballos de redacción das Directrices de Ordenación do Territorio, antes de elevar este documento ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

Ambas entidades concordan en que é esencial o establecemento de mecanismos de participación social na toma de decisións e na definición das políticas da paisaxe; fomentar a sensibilización da sociedade galega no referente ao valor da paisaxe, da súa importancia e funcións; así como promover o estudo e a formación en materia de paisaxe.

A Universidade de Santiago conta cun Sistema de Información Territorial (STIT), que é unha plataforma da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) que proporciona apoio científico e tecnolóxico aos membros da universidade e ao resto da sociedade. O SIT dispón de fondos que están dispoñibles en distintos graos de acceso, polo que xunto co Sistema de Información Xeográfica do Instituto de Estudos do Territorio configúrase como unha ferramenta tecnolóxica para a organización e xestión cartográfica e a información xeográfica.

En base a esta colaboración definiranse os obxectivos de calidade paisaxística para cada unidade de paisaxe, coa revisión bibliográfica de procesos participativos, e farase unha síntese dos resultados obtidos no proceso de participación pública e unha identificación dos ámbitos degradados desde o punto de vista paisaxístico. Tamén se encargarán do deseño de posibles indicadores de calidade paisaxística aplicables a Galicia e determinarán unha serie de normas e recomendacións para a definición dos plans urbanísticos e sectoriais e das estratexias rexionais e locais encamiñadas a un desenvolvemento sostible do territorio.

O convenio, que implica un investimento de 95.000 euros -90.000 por parte da Xunta e 5.000 da USC-, suporá un paso fundamental para o desenvolvemento e aprobación definitiva das Directrices de Paisaxe de Galicia, que serán o novo instrumento que completará o primeiro Atlas da Paisaxe da historia da Comunidade Autónoma.

As Directrices de Ordenación sentarán as bases para unha xestión actual e eficaz da paisaxe, establecendo metodoloxías e criterios rigorosos que darán soporte a todos os instrumentos de ordenación territorial e urbanística, aos informes sectoriais en materia de paisaxe, así coma aos estudos de impacto e integración paisaxística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2016.