Ir o contido principal

A USC participará na organización da Feira Internacional de Biotecnoloxía Española BIOSPAIN 2014

O reitor (segundo pola dereita) asinou o convenio que regula a participación da USC en BioSpain xunto aos representantes das restantes institucións que participan nesta iniciativa. Foto: Xoán Crespo...
O reitor (segundo pola dereita) asinou o convenio que regula a participación da USC en BioSpain xunto aos representantes das restantes institucións que participan nesta iniciativa. Foto: Xoán Crespo...

A Universidade de Santiago colaborará no desenvolvemento da Feira Internacional de Biotecnoloxía Española (BIOSPAIN 2014), que se celebrará do 1 ao 3 de outubro de 2014 en Compostela. BioSpain é a plataforma de presentación da biotecnoloxía española no ámbito internacional e ten lugar cada dous anos. O seu obxectivo é a creación dun foro para o intercambio de coñecemento, ideas e experiencias entre os distintos actores do sector biotecnolóxico e, sobre todo, unha plataforma de negocio da través das xornadas paralelas de transferencia de tecnoloxía cunha ampla proxección internacional. A edición anterior celebrouse en Bilbao e contou con 1.356 inscritos en liña, 1.847 visitantes totais, 21% de visitantes estranxeiros e máis de 762 empresas participantes no partnering, sendo unha das feiras internacionais máis importantes do sector das ciencias da vida e converténdose no encontro biotecnolóxico máis importante do sector sur de Europa por número de reunións e de empresas. A participación da USC quedou formalizada nun convenio asinado este luns 22 no edificio administrativo da Consellaría de Sanidade xunto coa universidade de Vigo; o Sergas; a Axencia Galega de Innovación; o Instituto Galego de Promoción Económica; as consellarías do Medio Rural e do Mar, e de Traballo e Benestar; a Axencia de Turismo de Galicia; o Concello de Santiago, e a Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO). Xustamente esta última, foi a institución encargada de seleccionar a candidatura de Galicia para acoller a celebración da próxima feira, o que converterá á comunidade galega en foco de atención nacional e internacional do sector biotecnolóxico e da investigación sanitaria. De acordo co convenio subscrito, as partes asinantes colaborarán con ASEBIO na captación de empresas, particulares e institucións que participen no evento, ademais de realizar unha procura activa de patrocinadores ou colaboradores que poidan contribuír á organización e participar na elaboración dos contidos do programa de conferencias e no deseño das actividades que se vaian desenvolver. A Asociación Española de Empresas Biotecnolóxicas agrupa a empresas, asociacións, fundacións, universidades, centros tecnolóxicos e de investigación para desenvolver o sector biotecnolóxico e aproveitar as oportunidades de innovación que presenta a biotecnoloxía como vector de crecemento económico e social en España, cuxa misión é o seu uso a biotecnoloxía para a mellora da calidade de vida, o medio ambiente e a xeración de emprego cualificado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.07.2013.