Ir o contido principal

A USC participou na 13ª reunión do proxecto POCTEP IberoBio

representantes das spin offs da USC xunto con Lydia Fernández, técnica da AVTE da USC
representantes das spin offs da USC xunto con Lydia Fernández, técnica da AVTE da USC
As Spin Offs da USC NeutronInsights, Inverbis e FlowReserve e o proxecto de spin off Proa2Health participaron nun foro de investimento

O proxecto POCTEP IberoBio no que participa a Universidade de Santiago reuniu recentemente os seus socios en Cádiz na súa 13ª xornada na que participou Lydia Fernández, técnica de transferencia de coñecemento da Área de Valorización, Tansferencia e Emprendemento da USC. Tivo lugar ademais un foro para conectar proxectos biotech con inversores no que estiveron presentes spin offs da institución compostelá.

Durante a reunión, os socios realizaron un repaso das actuacións levadas a cabo ata a data e traballaron na estruturación dos resultados con vistas á súa difusión. Ademais, planificouse a calendarización de próximos eventos en Galicia e Salamanca, e a xornada de peche en Braga.

Un dos aspectos clave tratados foi a continuidade da Rede IberoBio máis aló do proxecto, asegurando a actualización e mantemento da súas ferramentas e explorando novas oportunidades de financiamento que garantan a sostibilidade da cooperación no ámbito ibérico biotech.

En paralelo, desenvolveuse o Foro de Finamento de IberoBio, un espazo deseñado para conectar a innovación co capital. Sete proxectos de emprendemento tiveron a oportunidade de presentar os seus plans de negocio ante diversas entidades de financiamento e capital risco, co obxectivo de captar os recursos necesarios para abordar con garantías as primeiras inversións e pór en marcha as súas actividades empresariais.

Os sete proxectos emprendedores, procedentes de diversos sectores da economía, destacaron tanto polo seu alto potencial de innovación como pola solvencia técnica dos seus equipos humanos, integrados por perfís do ámbito da innovación universitaria e de empresas de base tecnolóxica. Entre eles, participaron tres Spin Offs e un proxecto de Spin Off da USC: NeutronInsights, Inverbis, FlowReserve e Proa2Health.

Foto de grupo dos socios do proxecto
Foto de grupo dos socios do proxecto
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2025.