Ir o contido principal

A USC participou nunha Campaña da Comisión Europea para explicar os beneficios e os resultados das súas políticas sociais e de emprego

A USC participou este mércores na Campaña da Comisión Europea ‘Sabe o que a Europa social pode facer por vostede?’, desenvolvida na Alameda compostelá. No evento participou o xerente de Uninova, Gustavo Marcos participando na mesa de debate ‘Fomento do espírito emprendedor’ que moderou Jorge Barros de la Peña, da Consellaría de Traballo. Na xornada deuse conta dos apoios ofrecidos aos emprendedores, ben en forma de axudas ben coma servizos, tanto en áreas técnicas como en ensinanzas de humanidades e ciencias sociais. Neste contexto presentouse o programa de apoio a emprendedores da USC (Uniemprende) así como diversas liñas de actuación orientadas á incubación de empresas baseadas no coñecemento e o seu financiamento, para o que a USC conta coa iniciativa Unirisco.

O obxectivo da campaña era explicar aos cidadáns os beneficios e os resultados das políticas sociais e de emprego. Para logralo emprazáronse unha serie de stands nunha carpa de 200 m2 con información tanto de organismos europeos relacionados co emprego, os asuntos sociais e empresariais como dos actores rexionais e locais que xestionan estes asuntos. De xeito simultáneo, organizáronse seminarios, conferencias e debates arredor de catro eixos temáticos, como son a inserción laboral de persoas con discapacidade, o fomento do espíritu emprendedor, a mobilidade laboral transfronteriza e a inclusión social- Fondo Social Europeo. A iniciativa chega a Santiago logo de estar presente con semellante deseño en máis de 40 cidades europeas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2010.