Ir o contido principal

A USC participou na feira de universidades máis importante do continente asiático

O vicerreitor Agustín Merino encabezou a delegación da USC en China
O vicerreitor Agustín Merino encabezou a delegación da USC en China

A USC participou, xunto con outras dez universidades españolas, na China Education Expo 2009, o evento de educación superior máis importante do continente asiático que tivo lugar esta fin de semana en Beijing. A participación española estivo coordinada pola fundación Universidad.es do Ministerio de Asuntos Exteriores.
Na súa estancia a delegación española –formada polo vicerreitor de Política Internacional, a xerente de Cursos internacionais e a colaboradora en China Xin Hu- asinou un acordo de colaboración coa Universidade Normal de Beijing e visitou ademais as universidades de Estudos Estranxeiros, de Renmin e de Anhui, quedando de manifesto o seu interese por establecer relacións en estudos de lingua española, negocios e xornalismo.
Os responsables da USC aproveitaron tamén a viaxe para manter reunións no Instituto Cervantes co conselleiro de Educación da Embaixada de España en China e coa Cámara de Comercio.
Mediante esta iniciativa, que é continuación doutras accións realizadas en anos anteriores, preténdese achegar España a determinadas universidades da República Popular China. Accións como a implantación do Instituto Cervantes en Beijing ou a biblioteca Miguel de Cervantes en Shanghai foron determinantes para a promoción da lingua española.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2009.