A USC pechou o orzamento máis grande da última década cun superávit de 3,5 millóns de euros

A Universidade de Santiago pechou o pasado exercicio económico de 2022 cun superávit de 3,5 millóns de euros, co que a institución concatena catro anos de estabilidade orzamentaria nos que o balance orzamentario rematou sempre de xeito positivo. Ademais, no período de goberno asociado ao reitorado de Antonio López o orzamento da institución evolucionou dende os 244 millóns de euros do exercicio 2019 aos 274 millóns do pasado ano, o que representa un proceso de recuperación da magnitude económica que a USC rexistraba nos momentos previos ao inicio da crise económica de 2010. Estes indicadores derivan do informe de xestión presentado este xoves no Consello de Goberno en relación á execución orzamentaria de 2022.
Neste proceso de recuperación inciden, entre outros aspectos, o incremento da captación de recursos derivados da actividade investigadora o que, paralelamente, sitúa a Universidade de Santiago á fronte do Sistema Universitario Galego (SUG), xa que 50 de cada 100 euros captados no contexto do SUG foron xestionados pola USC. De igual maneira, a estas cifras contribúe tamén o esforzo realizado en materia de aforro: por un banda a través do proceso de internalización do servizo de limpeza -cun aforro de 1,2 millóns de euros nos exercicios 21 e 22- así como por medio da mitigación do impacto da suba dos custos enerxéticos -arredor do 35% de redución do gasto enerxético-. Neste último apartado, como se puxo de manifesto na presentación ante o Consello de Goberno, de non terse abordado este esforzo, a cantidade destinada a sufragar as diversas fontes de enerxías tería incrementado o gasto neste eido en 1,5 millóns de euros. Igualmente, outro aspecto sobre o que se sustenta esta senda económica positiva sería o incremento dos recursos captados polo plan de financiamento autonómico.
A execución desta política de xestión económica permitiu o incremento dos recursos para a contratación e mellora das condicións de traballo do persoal. Neste apartado resulta un claro exemplo o cadro investigador, xa que no quinquenio do reitorado de Antonio López alcanzáronse diversos acordos orientados á eliminación da precariedade e a súa estabilidade, como o recoñecemento de antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación ou a definición do novo marco novo laboral en materia de clasificación profesional e condicións retributivas negociado e acordado coa representación sindical, entre outras iniciativas. Estas medidas supuxeron un incremento medio das condicións retributivas próximo ao 17% no período 2019-2023.
Galeras
Na xuntanza o reitor deu conta do acordo alcanzado con Asteriscos co que se pon fin a un longo período de desacordo pola venda da parcela ocupada polo antigo Hospital de Galeras. Segundo o acordo, Asteriscos asume todos os deberes como propietaria do inmoble, subrogándose e asumindo os deberes establecidos no procedemento tramitado polo Concello de Santiago. Ademais, a USC dará por satisfeita a débeda pendente cun último e único pagamento de 29.341,5 euros, formalizado recentemente coa sinatura ante notario deste procedemento.
Honoris causa
Claire Chenu, proposta polo departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, e Francesco Tonucci, proposto polo departamento de Pedagoxía e Didáctica, serán investidos co doutoramento honoris causa da USC, unha vez que a proposta, abordada no Consello de Goberno deste xoves, sexa aprobada polo Claustro Universitario. Claire Chenu, profesora de Ciencias do Solo na Université AgroParisTech, é un referente mundial na interacción entre organismos vivos e compoñentes orgánicos e minerais do solo. Pola súa parte, Francesco Tonucci é investigador e académico no eido da Psicoloxía infantil, ademais de recoñecido impulsor do ‘Progetto internazionale La città dei bambini’ do Consiglio Nazionale delle Ricerche.
Profesorado
No capítulo de profesorado, o Consello de Goberno tratou a asignación a áreas de coñecemento e especialidade de sete prazas vinculadas de profesorado permanente e a aprobación da convocatoria e das comisións de selección dos correspondentes concursos; a creación e convocatoria de quince prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde (PACS); a reposición de 22 prazas de PACS vacantes; dúas prórrogas de contratos de PACS; a proposta de contratación de doce profesores/as eméritos/as, así como a aprobación de nove prórrogas dentro desta categoría docente; o nomeamento de catro profesores/as e investigadores/as ad honorem; así como de dez prórrogas; a aprobación da proposta de asignación de complementos de recoñecemento de mérito docente (quinquenios) e de sexenios de profesorado contratado.
Titulacións
Biociencias Moleculares, Economía Circular e Ensino de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua son as novas propostas de titulacións de mestrado universitario aprobadas polo Consello de Goberno para a súa implantación no curso 2024/2025. Ademais, o órgano colexiado abordou as modificacións substanciais de titulacións de grao, mestrado universitario e programas de doutoramento para o curso 2024/2025, e a oferta e as memorias de estudos propios.
Outros temas
A orde do día completouse coa proposta de supresión do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas ‘Gumersindo Busto’; a transformación da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier na de Cultura Latinoamericana Alejo Carpentier; a aprobación do Regulamento do Comité de Ética da USC; e a tamén aprobación das memorias dos Institutos de Investigación, Centros Propios e Centros Singulares do ano 2022 e das memorias das Plataformas Científico-Tecnolóxicas do pasado ano. Convenios, asuntos económicos e actualización de tarifas integraron tamén a listaxe de temas.