A USC pon o foco e contextualiza no seu tempo a figura de Afonso X ‘O Sabio’ no marco dun curso de verán

‘Afonso X, O Sabio: Cronista e protagonista do seu tempo’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 26 ao 28 de xuño no salón de actos do compostelán centro de San Roque. Estruturado en 25 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos sobre a figura e o legado deste persoeiro, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido pola profesora da USC Elvira Fidalgo Francisco.
Este programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC conta con financiamento do Proxecto de Investigación do MINECO (FFI2014-52710-P) e na súa organización colaboran a Rede de Etudos Medievais Interdisciplinares e o Centro Ramón Piñeiros para a Investigación en Humanidades.
O curso pretende ofrecer unha introdución ao reinado de Afonso X o Sabio, incidindo na súa importancia como rei promotor da cultura desde a súa corte, convertida en centro neurálxico da produción literaria do momento, tanto en castelán como en galego. Farase especial fincapé no estudo das Cantigas de Santa María, obra ás veces esquecida, pero que reflicte perfectamente as inquedanzas da sociedade medieval sen deixar de ser unha obra mestra desde o punto de vista poético, musical e iconográfico.
Estruturado en relatorios e sesións de debate, o programa deste foro estival da USC contabiliza preto de vinte relatores e relatoras, na súa maioría profesores da institución académica compostelá e tamén doutras universidades españolas. A temática das intervencións previstas é ampla e abrangue aspectos que van desde o labor de mecenas desenvolvido por Afonso X, ata o seu legado como lexislador e cronista, a súa poética en galego, relixión... O foro rematará cunha lección maxistral a cargo do profesor da Universidade Estatal de Michigan Joseph Snow.
As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 16 de xuño.