Ir o contido principal

A USC pon en marcha unha campaña para a reciclaxe de disquetes

A USC facilita a recollida selectiva de disquetes
A USC facilita a recollida selectiva de disquetes

A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago vén de poñer en marcha unha campaña de recollida selectiva de disquetes usados, para que sexan xestionados axeitadamente cando o usuario se queira desfacer deles. A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Unidade de Xestión de Residuos Perigosos do Servizo de Prevención de Riscos da USC.
Actualmente, os disquetes atópanse en situación de claro desuso pola aparición de novos sistemas de almacenamento de información, máis fiables e de maior capacidade. A Coordinación do Plan detectou a necesidade de xestionar axeitadamente este tipo de refugallos, polo que distribuíu 34 contedores específicos en centros docentes, residencias e colexios maiores.
O proceso comeza coa recollida selectiva dos disquetes mediante o seu depósito nos contedores específicos que, unha vez completos, son baleirados e almacenados pola Unidade de Xestión de Residuos Perigosos. Logo, un xestor autorizado procederá á recepción e posterior reciclaxe dos seus compoñentes: plásticos PET e o aluminio.
O PET reciclado emprégase na fabricación de fibra de poliéster, que posúe múltiples usos como por exemplo na industria téxtil, na elaboración de madeira plástica e tarimas, na creación de fibra para recheo térmico e mesmo para a elaboración de alfombras. O aluminio é un material comunmente reciclado, ata o punto de que pode ser reciclado nun 100%, e con diferentes usos en función da súa calidade.
Con esta iniciativa, a USC avanza no compromiso que asumiu a través do seu Plan de Desenvolvemento Sostible de xestionar selectivamente, primando a reciclaxe e reutilización, os residuos producidos nos centros docentes e edificios administrativos. Ademais xa se recollen selectivamente papel e cartón, cartuchos tinta e tóner, CDs e DVDs, teléfonos móbiles, pilas ou residuos perigosos xerados nos laboratorios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2008.