Ir o contido principal

A USC premia cinco ideas susceptibles de converterse en proxectos empresariais

Foto de familia cos creadores das dez ideas finalistas. Foto: Santi Alvite
Foto de familia cos creadores das dez ideas finalistas. Foto: Santi Alvite
Bflow, Aplicación feromonas en coellos, Timbersoul, iTechTerm e Cunca-recunca foron as ideas vencedoras
Lugo, Santiago de Compostela

As ideas vencedoras do ‘XVII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC” que ten por obxecto premiar a aquelas emprendedoras e emprendedores que presentaron ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo, déronse a coñecer este xoves na Cidade da Cultura. As ideas gañadoras foron na categoría de resultados de investigación, Bflow, Aplicación feromonas en coellos e Timbersoul. Na categoría de Statup, venceron iTechTerm e Cunca-recunca.

Co obxectivo de fomentar inquietudes emprendedoras entre a comunidade feminina das universidades galegas, cuxa representación no campo do emprendemento soe ser inferior á do colectivo masculino, nesta XVII edición do Concurso outorgáronse a ideas presentadas por mulleres, dous dos cinco premios convocados. O concurso, impulsado pola USC en colaboración coa Xunta de Galicia, vai dirixido a toda a comunidade universitaria e a todas as áreas de coñecemento. Cada idea vencedora foi premiada con 500 euros.

A viabilidade e factibilidade da idea, o carácter innovador, o grao de madurez da idea, o mercado, e a presenza de políticas de igualdade, foron os elementos valorados polo xurado presidido por Jose Luis Villaverde Acuña da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; actuando como secretaria Rosario Vidal Lopo, vicedecana de Relacións coas Empresas e Institucións da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O xurado estivo composto por José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; Juan José Lirón Lago, subdirector xeral de Emprego; Roberto Vieites Rodríguez, técnico de Servizos Xerais da Área de Competitividade de IGAPE; e Miguel Miragaya Martínez, presidente de AJE provincia de A Coruña. Nesta edición presentáronse en total 103 ideas, establecéndose un claro incremento do número de ideas presentadas con respecto aos anos anteriores.

bFlow

O proxecto bFlow de María de la Inmaculada Aymerich López, consiste na fabricación ad-hoc de dispositivos de fluídica para a obtención de modelos 3D que permitan o estudo de diferentes aspectos baixo condicións de fluxo. Un claro exemplo desta situación é a fabricación de modelos que imiten vasos sanguíneos e permitan o cultivo celular nas súas paredes para obter un modelo máis realista destas estruturas que permitan estudos preclínicos sen necesidade de realizar experimentación animal. O uso dun dispositivo destas características permitiría un estudo moito máis preciso de patologías cardiovasculares, deposición de células tumorales circulantes en sangue ou comportamento de fármacos, entre outros, moito máis preciso que os cultivos convencionais en dúas dimensións.

Aplicación feromonas en coellos

Paula Rodríguez centrouse na aplicación de feromonas en coellos como estratexia innovadora para a mellora do benestar e da produción animal. Como hipótese inicial proponse que a comunicación química mediada por feromonas e detectada polo sistema vomeronasal xoga un papel fundamental na fisioloxía da reprodución e no comportamento animal, neste caso en coellos.

TimberSoul

Esta iniciativa de Daniela Filipa Lourenco Dos Santos aposta pola construción que pon en valor a madeira local, ofrecendo sistemas estructurais tecnoloxicamente avanzados orixinados no proxecto LIFE EcoTimberCell, a través de servizos de comercialización e asesoramiento. Incorporando sistemas estruturais celulares ecolóxicos, ao sector da construción, esta idea pretende aportar un aforro de enerxía nos procesos de produción dos mesmos, unha redución na demanda enerxética no uso dos edificios, e un aforro na xeración de residuos e sustancias nocivas procedentes dos adhesivos.

Itechterm

Sensor subcutáneo para o gando vacún leiteiro ideado por Oscar Guash Fabregat. Mediante a recompilación e detección continúa de parametros como a temperatura, pasos, ou rumia, analiza os datos con intelixencia artificial e detecta a nivel precoz as posibles enfermidades que sufrirá o animal ou outros procesos fisiolóxicos aumentando produtividade das granxas, diminuíndo o uso de medicamentos e mellorando a calidade de vida do gandeiro e os animais.

Cunca-Re-cunca

Esta idea de Belén Rodríguez Soto é un sistema de cuncas re-usables, reciclables 100% e retornables baixo depósito. É un modelo de negocio baseado na economía circular que segue a fórmula "closed-loop" e a xestión das 3R (Reducir-ReciclarReutilizar), ofrecendo unha solución integral e sustentable tanto para os establecementos que ofertan bebidas para levar como para a clientela que as demanda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2019.