A USC presenta o luns 21 o campus científico técnico Lugo 2014, que se desenvolverá a finais do mes de xuño
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presentará o luns, día 21 de abril, a segunda edición do campus científico técnico de Lugo, un programa orientado ao alumnado preuniversitario que pretende actuar como fiestra á ciencia e á tecnoloxía do campus de Lugo, a fin de espertar interese polas súas titulacións e tamén polas posibilidades científicas e tecnolóxicas que ofrece a sede universitaria luguesa.
A presentación do campus científico técnico desenvolverase na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo, ás 12.00 horas, no transcurso dun acto no que tamén intervirán a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Esther Muñoz; a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e a profesora da USC Mercedes Novo, que é a coordinadora deste programa dirixido a estudantes de cursos altos da ESO e de BAC. O campus científico técnico Lugo 2014, que nesta edición ten como lema ‘A ciencia nas túas mans’, desenvolverá as distintas sesións programadas do 23 ao 27 de xuño en quenda de mañá e tarde. Esta iniciativa conta con financiamento da USC, Concello e Deputación de Lugo, Fundación Barrié e Xunta de Galicia.