Ir o contido principal

A USC presenta a súa oferta de posgrao ante 800 estudantes na ‘Latin America Postgraduate Fair’

A Latin America Postgraduate Virtual Fair é unha feira anual organizada por FPP EDU Media, especializada en estudos de posgrao que congrega a universidades de todo o mundo. Imaxe de arquivo dunha biblioteca da USC. FOTO: Santi Alvite
A Latin America Postgraduate Virtual Fair é unha feira anual organizada por FPP EDU Media, especializada en estudos de posgrao que congrega a universidades de todo o mundo. Imaxe de arquivo dunha biblioteca da USC. FOTO: Santi Alvite
Este evento en liña contou con alumando procedente de 24 países
Santiago de Compostela

O Servizo de Captación Internacional, adscrito á Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, acaba de participar na feira virtual ‘Latin America Postgraduate Fair’ para presentar a oferta académica de posgrao da USC ao mercado iberoamericano ante preto de 800 estudantes internacionais. O alumnado participante procedía principalmente de países coma Arxentina, Colombia, Ecuador, México, Perú e Guatemala.

“A sesión informativa de presentación da oferta académica de posgrao tivo unha excelente acollida cun alto índice de participación de alumnado internacional, con preto de oitocentos estudantes potenciais procedentes de 24 países”, salientou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Dende o Servicio de Captación Internacional estamos a traballar nun transvase ao dixital dos eventos motivado polo contexto pandémico. As novas circunstancias promoveron a creación, deseño e implementación destes novos formatos en liña para dar a coñecer a oferta académica da USC no estranxeiro, que están a suscitar moito interese. De cara ao inicio do próximo curso académico estamos a valorar de novo a asistencia presencial ás feiras de captación de alumnado nas que participabamos tradicionalmente”, destacou López Couso.

A primeira experiencia piloto foi un evento específico para programas de doutoramento celebrado o curso pasado e que contou tamén cun alto índice de participación de alumnado estranxeiro. No mes de febreiro deste ano, celebrouse tamén un evento centrado nos mestrados ofertados pola USC, estruturado en catro días segundo as áreas de coñecemento.

Contacto directo

A Latin America Postgraduate Virtual Fair é unha feira anual organizada por FPP EDU Media, especializada en estudos de posgrao que congrega a universidades de todo o mundo. O obxectivo primordial deste evento era facilitar información sobre a oferta académica de posgrado da USC. O alumnado rexistrado podía acceder a un espazo expositor virtual da institución compostelá con información sobre os programas e sobre a propia universidade. Ademais podía establecer contacto directo coas integrantes do Centro de Benvida Internacional para solucionar todas as dúbidas sobre o acceso aos programas, trámites administrativos na USC, así coma cuestións relativas á súa estadía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2022.