Ir o contido principal

A USC presentou á sociedade a súa Memoria de Responsabilidade Social correspondente a 2006 e 2007

A Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados volveuse pequena ante a asistencia de público rexistrada
A Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados volveuse pequena ante a asistencia de público rexistrada

Dende o ano 2003 e de maneira pioneira, a Universidade de Santiago publica a súa Memoria de Responsabilidade Social coa que afianza o seu compromiso e vontade coa rendición de contas máis alá da obrigatoria e habitual memoria económica. A correspondente a 2006 e 2007 presentouna este venres no Centro de Estudos Avanzados o reitor Senén Barro nun acto público que presidiu o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e no que interveu o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira. Na mesa estaban tamén presentes o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro, e a vicerreitora de Calidade, Dolores Álvarez.
Baixo a coordinación da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, a elaboración desta memoria segue a metodoloxía de Global Reporting Initiative (GRI3), un dos modelos con maior aceptación no ámbito mundial. O documento, informa á sociedade do desempeño de todas as actividades propias da Universidade de Santiago nos campos económicos, social e medioambiental. Deste xeito, ademais dos aspectos vinculados ao orzamento, resultado económico e balance de situación, a memoria transmite dunha maneira fácil e comprensible a todos os grupos de interese as actividades realizadas e os beneficios sociais derivados das mesmas, así como o impacto ambiental asociado e as actuacións emprendidas para reducilo.
Na súa presentación o reitor falou do compromiso ético das Universidades non só coa súa comunidade académica senón con toda a cidadanía. “Falamos dun compromiso social, ambiental e co desenvolvemento económico obrigados por razóns éticas e estratéxicas e impulsados por unha maior demanda social”, dixo. Entre os diversos apartados da memoria salientou os referidos á xestión económica e ao compromiso coa formación, co persoal, coa calidade e a aprendizaxe, coa sociedade e co desenvolvemento sustentable.
O xefe do Executivo autonómico recoñeceu a traxectoria e evolución ao longo destes anos da USC e manifestou que a reforma desta Universidade “non foi só cosmética” senón que “soubo reflexionar verdadeiramente sobre o significado social da produción de coñecemento e a formación de líderes e profesionais”.
Feijóo felicitou á Universidade e, especialmente ao Vicerreitorado de Calidade e Planificación, “pola valentía amosada” ao elaborar a memoria; e ao reitor, por “impulsar as diferentes iniciativas que se agrupan baixo o paraugas da responsabilidade social das empresas” como, por exemplo os premios, as redes, ou a oficina de desenvolvemento sostible.
Para Manuel Puga as institucións públicas deben ser xestionadas tendo en conta a súa misión, valores e obxectivos; con prácticas demostrables de bo goberno; xestionadas con criterios éticos e comprometidas coa sustentabilidade, rendendo contas aos seus propietarios, á sociedade ou a órganos de Goberno como os que el mesmo preside. A ese respecto, informou de que na última xuntanza da Conferencia de Presidentes e Secretarios de Consellos Sociais de Universidades a USC foi un referente permanente “por ser a Universidade que encetara este vieiro no panorama español e que tiña avanzado máis por esta senda”.
Sete capítulosO informe, estruturado en sete capítulos e a disposición de todos os interesados na súa versión electrónica, comeza cunha presentación da misión, visión e valores da universidade, o seu goberno e estrutura e os principais premios e distincións recibidos. Partindo destes puntos mostra en base aos feitos acometidos e aos principais indicadores o compromiso da USC coa formación, a calidade e a aprendizaxe, a sociedade, o persoal e o desenvolvemento sostible, dando conta ademais da súa xestión económica e do valor económico e social xerado, todo enmarcado “dentro do código ético, o plan estratéxico vixente e outros plans operativos”, subliñou Barro.
A Memoria de Responsabilidade Social 2006 e 2007 é “só unha peza do modelos de responsabilidade social da USC que a través destes últimos anos se foi consolidando”, advertiu a vicerreitora de Calidade. Así, a través da lectura desta Memoria visualízase unha universidade “orientada cara as necesidades e expectativas dos diversos grupos de interese, atenta ao impacto ambiental derivado da súa actividade e onde reinan principios de eficiencia no uso de recursos, transparencia, participación e diálogo cos distintos grupos de interese interno e externo e a rendición de contas”.
En resumo, a memoria pon de manifesto que a Responsabilidade Social na USC “vai máis alá do cumprimento legal e non responde a accións puntuais e esporádicas senón que cada vez está máis integrada na súa cultura e estratexia e, polo tanto, presente en todos os seus procesos”, afirma a vicerreitora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2009.