Ir o contido principal

A USC promove unha campaña informativa sobre a doazón de medula ósea entre o alumnado

Voluntarios informan dos pasos a seguir para facerse doantes a estudantes universitarios
Voluntarios informan dos pasos a seguir para facerse doantes a estudantes universitarios

A USC, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, promove unha campaña informativa sobre a doazón de medula ósea entre o alumnado do Campus de Lugo, unha acción que se desenvolverá o mércores 25 no campus de Santiago.

Durante esta xornada informativa e de sensibilización sobre a importancia da doazón de medula ósea, un tecido no que se fabrican as células nai capaces de producir todas as células do sangue, a técnico responsable da Oficina de Voluntariado no campus de Lugo e outras persoas voluntarias visitaron as distintas facultades e escolas universitarias da sede luguesa, onde instalaron diversos puntos informativos, ademais de manter encontros con estudantes para darlles a coñecer os pasos a seguir se queren converterse en doantes de medula ósea. A iniciativa a prol da doazón da medula ósea desenvolvida este mércores no campus de Lugo encádrase no marco dunha campaña a nivel estatal, a través da que se busca concienciar á poboación da importancia dos transplantes de medula ósea, xa que constitúen un tratamento acaído para curar determinadas enfermidades do sangue como a leucemia.

A taxa actual de doazón de medula ósea é do 0,3% en España e só un de cada catro doentes que necesita un transplante atopa un doante compatible na súa familia, o que obriga a buscar outros potenciais doadores non emparentados pero con alto grao de compatibilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2015.