Ir o contido principal

A USC promove o debate sobre a inclusión social

Avanzar no deseño de metodoloxías de intervención innovadoras e pór de manifesto o papel fundamental do traballo en rede e da participación das persoas nos proxectos e servizos dirixidos á inclusión social serán os obxectivos das xornadas sobre inclusión social que a USC desenvolverá en Santiago entre o 12 e 14 de marzo.
Baixo o título ‘Programas e proxectos das entidades de iniciativa social’, o Servizo de Participación e Integración Universitaria, dependente da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, e en colaboración con Cruz Vermella e Solidarios para el Desarrollo propón estas xornadas como vehículo de sensibilización e formación da comunidade universitaria.
Os responsables universitarios decidiron organizar este encontro toda vez que “aínda que se avanzou nos debates queda moito por facer”. Entre outras cousas apuntan, por exemplo, a importancia de mellorar o Terceiro Sector como sector de xestión social en comparación cos servizos sociais públicos “que están demasiado compartimentados e son máis asistencialistas”. Na mesma liña, as entidades sen ánimo de lucro que xestionan servizos ou recursos para promover a inclusión social “cometeron erros semellantes, ademais de caer na sobreburocratización”.
A partir destas ideas iniciais reuniranse na cidade especialistas que abordarán cuestións como a exclusión social en España e os seus efectos psicolóxicos e sociais, a soidade das persoas maiores, o ocio inclusivo ou os excluídos do fogar. Ademais, os relatores de expertos completaranse con diversos paneis de experiencias en toda España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2010.