Ir o contido principal

A USC promove declarar Espazo Natural de Interese Local a área verde e húmida creada nas Gándaras co Life Lugo+Biodinámico

Participantes na visita técnica as actuacións desenvolvidas no polígono lugués das Gándaras ao abeiro do Life Lugo+Biodinámico
Participantes na visita técnica as actuacións desenvolvidas no polígono lugués das Gándaras ao abeiro do Life Lugo+Biodinámico
Investigadores da EPS de Enxeñaría da USC formalizan a entrega ao Concello de Lugo do arboretum, un xardín que mostra 69 especies forestais representativas de Galicia

A USC promove solicitar que a Xunta de Galicia declare Espazo Natural de Interese Local (Enil) a área verde e húmida habilitada no polígono lugués das Gándaras coas diferentes actuacións medioambientais desenvolvidas no marco do programa Life Lugo+Biodinámico, un proxecto que botou a andar en 2015 e que rematará en dous anos, unha vez que se complete a construcción do edifico con estrutura de madeira Impulso Verde baixo a dirección e supervisión técnica da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade da USC).

O catedrático da USC e académico Antonio Rigueiro Rodríguez lanzou este mércores a petición á Xunta de Galicia de que acorde a declaración de Enil da nova área verde creada no polígono das Gándaras no marco da visita técnica realizado por un asesor europeo para supervisar as actuacións promovidas ao abeiro do Life Lugo +Biodinámico no polígono das Gándaras, unha sesión de traballo na que, entre outros, tamén participaron os profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC Antonio Rigueiro, Roque Rodríguez Soalleiro e Esther Fernández.

A visita deste comité técnico ao polígono das Gándaras, onde toda a comitiva tivo ocasión para visualizar o resultado todas as execucións desenvolvidas, entre as que se atopan unha plantación de frondosas e outra de cultivos enerxéticos, ademais dunha área húmida e do xa citado espazo representativo dos bosques forestais naturais con máis presencia en Galicia que inclúe preto de 70 especies, precedeu a entrega formal deste arboretum ao Concello de Lugo.

Unha vez rematadas estas accións, orientadas todas elas á recuperación, conservación e posta en valor dos recursos forestais e naturais máis representativos de Galicia e, especialmente, da contorna da capital luguesa, tal e como poden ser os soutos de castiñeiros ou os bosques de frondosas e carballos, a próxima construción do edificio Impulso Verde servirá de colofón do Life Lugo+Biodinámico.

O profesor Antonio explicou neste senso que algunhas das accións xa desenvolvidas terán relación directiva co novo edificio, tal e como é o caso da plantación de espcies enerxéticas, que permitirán fornecer de materia prima as caldeiras de biomasa coas que se ambientará a nova edificación de madeira proxectada. A estas actuacións xa proxectadas cómpre sumar tamén outras iniciativas que se desenvolverán desde a Universidade Politécnica de Madrid e encamiñadas á instalacións de xardíns verticais no edificio Impulso Verde e de hortos urbanos na súa contorna máis próxima.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2018.