Ir o contido principal

A USC publica o primeiro vademecum das augas mineromedicinais de Galicia

A USC publica o primeiro vademecum das augas mineromedicinais de Galicia
A USC publica o primeiro vademecum das augas mineromedicinais de Galicia
Recolle as indicacións terapéuticas dos 21 balnearios de Galicia

A Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e a Asociación de Balnearios de Galicia acaban de publicar o Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia, unha obra que pon a disposición do persoal médico información fidedigna sobre as principais indicacións terapéuticas actuais das augas dos balnearios galegos, xunto coas súas contraindicacións, procedementos de aplicación e a súa dispoñibilidade nos diferentes centros termais da comunidade.

O Vademécum divídese en dúas partes: na primeira estúdase a importancia terapéutica das augas mineromedicinais, a súa clasificación e mecanismos de accións, indicacións, contraindicacións e vías e técnicas de administración, ademais de normativa legal que afecta ao sector. Na segunda preséntase información de cada un dos 21 balnearios de Galicia e das envasadoras de augas minerais naturais de Cabreiroá e Fontecelta.

De cada balneario ofrécese información sobre a composición, tipo e propiedades terapéuticas das augas; principais indicacións terapéuticas, técnicas de aplicación e perfil de pacientes atendidos; así como sobre a dirección médica, períodos de actividade, instalacións hoteleiras e como contactar, xunto a un pequeno resumo da súa historia. No caso dos balnearios, na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz, as Termas Romanas de Lugo, Augas Santas (Pantón) e Río Pambre (Palas de Rei). Na provincia de Ourense os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Cortegada. E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.

Na presentación do libro interviñeron ademais do reitor Juan Viaño, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; e o xerente da Asociación, Benigno Amor. Ademais, na presentación estiveron varios directores médicos de balnearios galegos, xunto ao presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán.

O volume presentado dá un paso importante para confirmar e recoñecer o magnífico traballo que están facendo as empresas que se dedican en Galicia ao termalismo, subliñou o reitor. Na súa opinión, a obra “destaca pola análise técnica da calidade das augas e do termalismo en xeral, grazas ás achegas de oito investigadores de recoñecido prestixio que dedican todo o seu talento a estudar os beneficios das augas mineromedicinais. Viaño vaticina que o libro “pronto se converterá en referencia para o mundo termal” ao tempo que servirá para “confirmar o traballo de calidade que se están facendo no sector, tanto dende o punto de vista empresarial como científico”.

Como apunta o profesor Juan Gestal na mesma introdución da obra “as augas mineromedicinais teñen sido ao longo da historia un elemento terapéutico de primeira orde”. O decano lembra que ata a metade do século pasado, a hidroloxía médica formaba parte dos plans de estudos da licenciatura de Medicina. Pero os avances da farmacoloxía a partir dos anos 50 desprazárona cara a un segundo plano, deixando de impartirse nas facultades españolas. Esta situación fai que o persoal médico apenas teña coñecemento da cura termal, a pesar de teren que realizar cada ano máis de 300.000 informes con indicacións de tratamentos termais aos solicitantes do Programa de Termalismo Social do IMSERSO.

“A finalidade é que a información que se recolle neste vademécum facilite aos profesionais sanitarios de Galicia elementos de xuízo axeitados sobre as posibilidades terapéuticas da balneoterapia, que permita un uso maior e máis racional deste medio terapéutico”, salientou o doutor Gestal.

Para a elaboración desta obra contouse coa colaboración do profesor Francisco Maraver e dos seus colaboradores da Escola Profesional de Hidroloxía Médica e Hidroterapia da Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid (profesores Francisco Armijo, Icíar Vázquez, José Manuel Ejeda e Ana Isabel Martín); Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña; xunto a Carmen Ródenas, do Laboratorio de Física Médica da Facultade de Medicina da Universidade de Cantabria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2017.