A USC, no quinto chanzo dos doce que integran o U-Ránking 2020 de universidades españolas

O U-Ránking ordena as universidades españolas en función do seu rendemento docente, así como no relativo á investigación e á innovación, corrixindo os efectos do distinto tamaño das institucións para facelas comparables entre si. En base a esta premisa, esta clasificación de universidades acaba de situar á USC, na súa edición correspondente a 2020, no quinto chanzo dentro dunha listaxe integrada por doce posicións. Alén da USC, outras catorce universidades españolas ocupan a quinta posición do U-Ránking, unha listaxe elaborada pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas.
A VIII edición deste ránking inclúe as 48 universidades públicas e 22 universidades privadas das que existe información suficiente e coa calidade adecuada para que o tratamento poida ser homoxéneo respecto ás públicas, no cálculo dos indicadores sintéticos. Así, esta edición analiza un total de 70 universidades públicas e privadas, cubrindo o 97% do Sistema Universitario Español en termos de número de estudantes de grao e examina máis de 3.300 graos e dobres graos.
Na clasificación que atinxe de modo específico aos resultados do eido docente, a USC ocupa a cuarta posición dun total de sete postos. Nese cuarto posto, sitúanse un total de 23 institucións. Asemade, no relativo á clasificación que recolle os resultados da avaliación da actividade investigadora e innovadora, a USC sitúase sétima xunto con outras nove universidades nunha listaxe integrada por 17 niveles.