A USC, no quinto posto do U-Ranking de universidades públicas e privadas españolas

O U-Ranking das universidades españolas sitúa a USC no quinto posto de entre 61 universidades públicas e privadas, ordenadas en función do seu rendemento nos ámbitos docente, de investigación e de innovación e desenvolvemento tecnolóxico. Esta nova edición de U-Ranking representa a cuarta edición dos Indicadores Sintéticos do Sistema Universitario Español e cuxas siglas (ISSUE) daban nome ata o pasado ano a esta clasificación. A institución compostelá atópase no mesmo rango de clasificación que as universidades de Alcalá de Henares, Alacante, Córdoba, Zaragoza, Lleida, Internacional de Catalunya e Jaume I.
Os datos utilizados para a realización da análise proceden da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do Observatorio IUNE e Thomson Reuters. Nesta edición, o proxecto ISSUE incorpora como novidade os datos procedentes do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU), unha plataforma de recollida, procesamento, análise e difusión de datos do Sistema Universitario Español que ofrece información estatística homoxénea e comparable das universidades españolas.
Para a avaliación da actividade docente, investigadora e de innovación e desenvolvemento consideráronse á súa vez catro ámbitos en cada unha destas actividades: acceso a recursos, produción obtida, calidade e internacionalización das actividades. Esta é unha clasificación elaborada pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie) coa colaboración do Observatorio IUNE pertencente á Alianza 4 Universidades (Universidade Carlos III de Madrid, Autónoma de Madrid, Autònoma de Barcelona e Pompeu Fabra).
Volume
Ademais da clasificación xeral, defínese un segundo nivel de análise -U-Ranking Volume- que ten en conta o volume total de resultados e “por tanto, o tamaño da universidade xoga un papel na mesma xunto co rendemento de cada institución”, apuntan os promotores da análise.
Atendendo ao volume, a USC mantense na parte alta da táboa no posto 12, xunto coas universidades Complutense, Barcelona, Granada, Valencia, Politécnica de Valencia, Sevilla, País Vasco, Politécnica de Madrid, Autónoma de Barcelona, Politécnica de Catalunya, Autónoma de Madrid, UNED e Zaragoza. Con respecto á anterior convocatoria deste ránking, a institución académica compostelá mantén a posición tanto no ránking xeral como no que atende ao volume.
Docencia
Ademais destas dúas clasificacións, o U-Ranking propón outras dúas clasificacións específicas sobre docencia, investigación e innovación.
Na docente, a USC mantense no quinto posto de entre as 61 universidades analizadas. Para esta clasificación tómanse en consideración a proporción de profesorado doutor con respecto ao total, a relación entre orzamento por alumno ou o profesorado doutor por cada cen alumnos. Tamén se valora as taxas de éxito, avaliación e abandono; o índice de capacidade de atracción, a porcentaxe de alumnado de posgrao ou as notas de corte e, no capítulo de internacionalización, as porcentaxes de alumnado estranxeiro, de alumnado en programas de intercambio e de estudantado matriculado en programas en linguas non oficiais.
Investigación
Na avaliación da actividade investigadora, a USC ascende dúas posición con respecto ao pasado ano, alcanzando o sétimo chanzo desta escala. Para a avaliación deste capítulo considéranse os recursos públicos competitivos por profesorado doutor e os contratos de persoal doutor e bolsas de investigación e apoio técnico sobre o orzamento total; documentos citables con referencia ISI por doutor/a, sexenios totais sobre posibles e teses lidas por cada cen doutores.
Tamén se ten en conta o factor medio de impacto, a porcentaxe de publicacións no primeiro cuartil e as citas por documento, así como os fondos de investigación europeos ou internacionais por profesorado doutor e a porcentaxe de publicacións en coautoría internacional.
Innovación e desenvolvemento tecnolóxico
Finalmente, no apartado de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, Santiago de Compostela é a décimo terceira das 61 universidades españolas avaliadas. Neste capítulo, mídense os ingresos por licencias e por contratos de asesoramento e os de formación continua; así como o número de patentes por cada cen doutores e as horas de formación continua e o número de contratos por profesorado doutor. Finalmente, compútanse tamén as patentes comercializadas, as triádicas e os ingresos por contratos internacionais.