Ir o contido principal

A USC racionaliza a xestión da enerxía cun Plan estratéxico específico

A medio e longo prazo, actuarase sobre a produción de enerxía eléctrica e calor. FOTO: Santi Alvite
A medio e longo prazo, actuarase sobre a produción de enerxía eléctrica e calor. FOTO: Santi Alvite
O documento contempla medidas a curto, medio e longo prazo que prevén minorar o impacto dos custos enerxéticos nas contas da Universidade
Santiago de Compostela

O Plan de Estratexia Enerxética racionalizará a xestión da enerxía na USC na procura de acadar un consumo e unha utilización dos recursos o máis eficiente posible para atallar o gasto neste eido. A aprobación este xoves 29, por parte do Consello de Goberno, do devandito Plan permitirá contribuír á descarbonización, reducindo as emisións de CO2; apostar polas enerxías renovables e a promoción do autoconsumo de enerxía; así como racionalizar o uso das infraestruturas a través de medidas a curto, medio e longo prazo. O reitor Antonio López explicou que as accións que se van acometer constitúen “unha necesidade”. O reitor apelou ao esforzo colectivo da comunidade universitaria para así manter as políticas fundamentais da institución.

A USC adquire a enerxía eléctrica, o gas natural e o gasóleo a través dos contratos negociados pola Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (REDEXGA), que permite obter condicións vantaxosas de prezos e servizos ao agrupar o consumo dun grande número de organismos e institucións. Non obstante, o incremento destes custos no orzamento de gasto de 2022 é de 1,3 millóns de euros que se deben sumar aos 4,9 millóns xa previstos no orzamento inicial. Ademais, a previsión de gasto enerxético para o orzamento 2023 é de 10,9 millóns de euros, é dicir, 6,3 millóns de euros máis que os previstos en 2022. En consecuencia, a definición destas medidas fai fronte á realidade actual das infraestruturas de produción e consumo da USC.

Entre as accións que se desenvolverán de xeito máis inminente, atópanse a instalación ou mantemento de contadores en todos os edificios para poder medir o consumo real da dotación, a redución do alumeado ambiental ou ornamental, e o uso eficiente e responsable tanto da iluminación interior como dos equipamentos informáticos. As medidas de racionalización abarcarán tamén o uso dos equipos de climatización e calefacción. Ademais, procederase ao peche dos edificios administrativos na quenda de tarde, con apagado de iluminación interior, calefacción e refrixeración non esencial para o funcionamento da dotación; así como á racionalización dos horarios de apertura dos edificios en función da súa intensidade de uso, dando paso á reorganización da actividade cando sexa posible.

A medio e longo prazo, actuarase sobre a produción de enerxía eléctrica e calor, aumentado o autoconsumo a partir de fontes renovables, no caso da electricidade e diminuíndo a dependencia do gas natural para usar fontes renovables e próximas no caso da produción de calor.

Á hora de detallar o investimento vinculado ao conxunto de medidas de aforro, Antonio López deu conta nun encontro con medios de comunicación, de que a curto prazo destinaranse 1,5 millóns de euros, dos cales, 800.000 irán a instalacións fotovoltaicas; 200.000, a medición e control; e 500.000 a sectorización de instalacións e automatización. De xeito bianual, investirase un millón de euros en instalacións de coxeneración e fotovoltaicas; e ata 2026, a cifra ascenderá ata oito millóns de euros para o desenvolvemento de centros de biomasa. Prevese tamén unha constante anual de 500.000 euros para a mellora de infraestruturas.

O conxunto das medidas redunda ademais en melloras no eido da conciliación xa que o desenvolvemento da actividade docente en horarios tan amplos como os actuais dificulta notablemente a conciliación persoal e, en particular, o desenvolvemento de actividades de extensión universitaria pola USC que complementan a actividade laboral do persoal e a formación do alumnado, tal e como xa establecen tanto o Plan de Igualdade, como a Programación Plurianual da institución. Neste senso, as medidas agora adoptadas permitirán avanzar nesta liña.

No mesmo contexto de optimización da xestión enerxética, o órgano colexiado deu luz verde ao incremento do 10% naquelas tarifas cuxos custos se viron ou verán incrementados por riba desta porcentaxe debido á súa alta dependencia da enerxía. En total, a Universidade ten 56 unidades que prestan algún servizo a través de tarifas e o catálogo destas contén 1.800 actividades ou servizos diferentes.

UNIXEST

De acordo coa vontade de racionalización dos entes instrumentais prevista nas liñas xerais do orzamento, acordouse propoñer ao Consello Social a disolución da Sociedade Xestora de Intereses da Universidade de Santiago de Compostela, S.L. (UNIXEST). En virtude desta proposta, daranse os pasos necesarios para que a tenencia de accións e participacións sociais en empresas de base tecnolóxica e outras entidades que actualmente ostenta UNIXEST sexa transferida á USC. Ademais, iniciaranse os trámites necesarios para garantir a subrogación do persoal de UNIXEST na USC.

PDI

O Consello de Goberno aprobou tamén a Planificación complementaria en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI) para o presente ano e que completa as xa aprobadas no mes de xaneiro e maio en liña coas previsións contidas no Plan plurianual de profesorado 2019-2022. Este Plan deseñouse coa vontade de renovar o cadro de persoal a través da incorporación de profesorado novo e garantir, ao mesmo tempo, a estabilización e promoción do persoal acreditado para as diferentes categorías de profesorado. Neste senso, entre as actuacións incluídas nesta planificación complementaria cómpre salientar a asignación a áreas de coñecemento de trece prazas de profesorado axudante doutor e a dotación de tres prazas de profesorado permanente para a estabilización de persoal investigador.

Outros asuntos

O resto de cuestións tratadas na reunión foron a modificación da RPT de Persoal de Administración e de Servizos, cursos e memorias de estudos propios, a proposta de complementos retributivos autonómicos, a ratificación da prórroga dunha Unidade Asociada ao CSIC que inclúe a membros do Instituto de Materias (iMATUS), as memorias das Plataformas Científico-Tecnolóxicas e da Rede de Estacións Biolóxicas da USC, así como a modificación do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC.

Antonio López, na súa comparecencia ante os medios. FOTO: Santi Alvite
Antonio López, na súa comparecencia ante os medios. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2022.