A USC e a Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago establecen un marco de colaboración
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, e o presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, Juan de la Salle Barreiro, asinaron este martes en San Xerome un convenio marco co obxecto de regular a colaboración entre as dúas partes nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral. Ao acto asistiron parte da directiva da Sociedade e o vicerreitor de relacións Institucionais, Lourenzo Fernández.
Entre as actuacións ás que se refire o convenio destacan a difusión, prevención, conservación e restauración do arquivo, fondos bibliográficos e patrimonio artístico da Sociedade asinante, á vez que se promoverá o tratamento destes fondos documentais e a realización de traballos de investigación. Tamén se contempla facilitar aos posibles usuarios a consulta das coleccións bibliográficas e artísticas da citada entidade.
Por outra banda, e co fin de recuperar parte da memoria histórica da sociedade e poñela en valor, establecerase un premio bianual de investigación histórica para traballos académicos baseados nos citados fondos documentais e arquivísticos. O gañador, que verá publicada a súa obra, percibirá 2.000 euros.
Prácticas docentes e profesionaisAs partes asinantes acordaron ademais regular a realización de prácticas profesionais e docentes de licenciatura e posgrao que teñan como obxecto o estudo do arquivo e fondos da Sociedade. Estas investigacións materializaranse a través de memorias para a colación de Grao, traballos tutelados e teses de doutoramento.
A Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Ciudad de Santiago, fundada en 1784, é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter cultural e benéfico que ten entre os seus obxectivos o fomento “dos valores morais e culturais e os intereses do pobo galego”. No ano 1996, no que a USC celebrou o seu quinto centenario, a Sociedade