Ir o contido principal

A USC realizará para a Fundación Eduardo Pondal un estudo de valorización de recursos propios para a recuperación socioeconómica da aldea do Couto

O reitor e o presidente José L. Fondo Aguiar no acto protocolario de sinatura do acordo. Foto: Servimav-USC
O reitor e o presidente José L. Fondo Aguiar no acto protocolario de sinatura do acordo. Foto: Servimav-USC

A USC e a Fundación Eduardo Pondal acaban de asinar un contrato para o desenvolvemento do estudo ‘Valorización de recursos propios cara á recuperación socioeconómica da aldea do Couto’, un proxecto que coordinará a profesora María Ángeles López Agüera, do Departamento de Física de Partículas. O grupo desta docente acumula ampla experiencia na avaliación de recursos enerxéticos e híbridos propios de comunidades e o deseño de tecnoloxía apropiada para a súa extracción para potenciar o desenvolvemento socioeconómico de zonas deprimidas. O plan de traballo proposto pretende favorecer a inclusión social na aldea do Couto e a súa expansión socioeconómica. Para isto desenvolverase un traballo de campo dirixido a proporcionar e descubrir oportunidades empresariais autóctonas, ao tempo que se traballará na sensibilización social e predisposición de veciños/as cara este tipo de proxectos que contribuirán á súa mellora de vida e progreso. O primeiro paso do proxecto será un estudo da viabilidade dos recursos presentes mediante unha auditoría enerxética así como das fortalezas ancestrais de produción que poidan constituír o feito diferencial explotable. Logo da realización dun estudo de viabilidade económico-social realizarase a proposta de actuación para cubrir as necesidades habitacionais en particular no relativo á xestión de auga, enerxía, xestión de residuos, deseño e actividades produtivas. O equipo de traballo intégrano, ademais da profesora Ángeles López Agüera, o investigador do grupo de Aplicacións Enerxéticas Sostibles da USC Iago Rodríguez Cabo e os tecnólogo do mesmo grupo Joao Francisco Domingues de Azevedo e Vannesa Miramontes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2014.