A USC recibe nos Emiratos Árabes o premio ‘Universidade do Ano 2018’

A Universidade de Santiago de Compostela vén de recibir o premio ‘Universidade do Ano 2018’ outorgado pola feira de Educación Superior NAJAH Abu Dhabi, o evento líder no sector nos Emiratos Árabes no que participaron máis de 160 universidades de 20 países de todo o mundo.
O galardón, que chega este ano á súa terceira edición, concédese en base á valoración do alumnado das universidades e egresados e egresadas en diferentes categorías: atención ao estudantado, actividades extra curriculares, contribución á comunidade local, iniciativas de creación de emprego e instalacións dos campus. A universidade con maior número de votos na totalidade das categorías resulta merecedora do premio.
O proceso de votación estivo aberto durante as tres primeiras semanas de outubro. A de Santiago de Compostela competiu con seis institucións máis: dúas universidades estadounidenses (University of Wisconsin-Milwaukee e Penn State University), dúas europeas (University of Debrecen – Hungría- e University of Leiden –Holanda–) e dúas emiratíes (City University college of Ajman e Jumeira University).
“Recibimos a nova deste premio con grande entusiasmo. Resulta extremadamente gratificante ter sido galardoado como Universidade do Ano por NAJAH nunha votación realizada polo noso alumnado. É un recoñecemento ao bo facer de todos os que formamos parte da institución”, sinala o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez.
A NAJAH é o evento de Educación Superior máis destacado de Emiratos Árabes. A décimo terceira edición celebrouse en Abu Dhabi entre e 28 outubro e o 1 de novembro de 2018 e nela participou a USC, continuando coa súa clara aposta pola expansión internacional. Durante o ano pasado o Servizo de Relacións Exteriores da Universidade compostelá estivo presente en feiras educativas de Rusia, Colombia, Xapón, Ecuador, Perú, Singapur, México, Indonesia e Emiratos Árabes.