Ir o contido principal

A USC recibe este luns a escolares con interese na ciencia

O programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ participa un ano máis no desenvolvemento dos Campus Científicos de Verán 2012, unha iniciativa posta en marcha pola FECYT en colaboración co Ministerio de Educación e co apoio da Obra Social “La Caixa” que pretende impulsar o interese da xuventude pola ciencia e a tecnoloxía e incentivar o seu acceso en titulacións científico-técnicas No programa participan estudantes de 1º de Bacharaleto e 4º de ESO (estes últimos estarán en Santiago na segunda quincena de xullo) de centros educativos de toda España que coñecerán do 2 ao 27 de xullo diversos proxectos de investigación cos docentes universitarios que os dirixen. Os 28 estudantes de primeiro curso de bacharelato que chegan este luns, 2 de xullo, a Compostela participarán durante unha semana nos catro proxectos que a institución compostelá lles ten preparados. Así, na ETSE coñecerán unha investigación sobre un sistema de tratamento para eliminar a contaminación das augas residuais que dirixe Gumersindo Feijoo; en Física, liderado por Inés Valiño, buscarán as partículas más enerxéticas do Universo; os musgos, ‘detectives do aire’, serán os protagonistas do proxecto que en Bioloxía coordina Jesús Aboal; e, por último, en Farmacia estudarán a maxia dos hidroxeles, un proxecto de Juan Torres. Coordinada na USC polo profesor Luis Hervella, na actividade participan 56 estudantes que, divididos en dúas quendas dunha semana cada unha en función dos estudos que cursen, terán a oportunidade de asistir e experimentar nestas investigacións.

Ademais, xunto a diversas actividades lúdico-deportivas asistirán a charlas co experto da USC Angel Carracedo sobre o xenoma, con Jorge Mira sobre a distancia que separa a Terra do firmamento e con Enrique Macías sobre as Matemáticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2012.