A USC recibe aos maiores de 25 e 45 anos que superaron as probas de acceso á Universidade
A Universidade de Santiago de Compostela celebra este venres, 30 de abril, no Salón Nobre de Fonseca, un acto de recoñecemento e benvida aos maiores de 25 e 45 anos que superaron as probas de acceso á Universidade en Galicia na súa última convocatoria.
A recepción desenvolverase ás 17:30 horas presidida polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e nela o coordinador do Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, o profesor Luis Hervella, explicaralle aos asistentes a oferta de estudos, a convocatoria de bolsas e residencias así como a oferta cultural e lúdica que a Universidade compostelá lles ofrece.
No acto, no que se lles fará entrega dos correspondentes diplomas acreditativos, a estudante do Grao de Comunicación Audiovisual Catalina Pui Fraga contará a súa experiencia universitaria tras superar as probas de acceso na convocatoria anterior.
O presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira, así como o representante da USC na CiUG, Manuel Bermejo Patiño, e o presidente do tribunal único, Ramón Bravo Quintas, estarán presentes no acto para felicitar aos alumnos polos éxitos acadados nos exames.