Ir o contido principal

A USC recibe este martes aos estudantes estranxeiros

Pon en marcha a segunda edición do Programa de Acompañamento de Estudantes

A USC, en colaboración coa Mesa de Normalización Lingüística e co financiamento da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, vén de poñer en marcha a 2ª edición do Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE), dirixido aos alumnos de intercambio participantes nos Programas Sócrates-Erasmus, Séneca-Sicue e Convenios Bilaterais, que ten a finalidade de dar a coñecer a cultura e lingua galegas.
O acto de benvida aos estudantes estranxeiros terá lugar este martes, 7 de outubro, ás 18.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, e nela participarán todos os alumnos de intercambio que se incorporan á USC no curso 2008-2009, e aqueles da USC que estean interesados en participar no PAE. Esta benvida contará coa presenza do vicerreitor de Relacións Internacionais, Lourenzo Fernández; do director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela; do coordinador de Relacións Exteriores da USC, Francisco Javier Sanjiao; do presidente da Mesa de Normalización Lingüística, Carlos Callón; e do concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.
Os alumnos da USC que participen no PAE, recoñecido cun crédito de libre configuración, realizarán un seminario de formación que inclúe tópicos como a organización e planificación de actividades integradoras, os servizos de apoio aos estudantes de intercambio na USC, multiculturalidade e integración nas comunidades de acollida ou a recepción dos foráneos na sociedade galega. Tamén realizarán visitas guiadas a institucións públicas e privadas nas que poderán coñecer distintas fórmulas e contextos cos que mostrar valores propios aos estudantes de fóra, e despois comprometerse a acompañalos e orientalos como medio para promover a multiculturalidade e dar a coñecer a especificidade do “ser galego”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2008.