Ir o contido principal

A USC recibirá máis dun millón de euros da Xunta para facer fronte ao impacto da COVID-19

A finalidade é ofertar condicións de máxima seguridade sanitaria para o desenvolvemento do vindeiro curso. Foto: Santi Alvite
A finalidade é ofertar condicións de máxima seguridade sanitaria para o desenvolvemento do vindeiro curso. Foto: Santi Alvite
Estes fondos destinaranse a medidas sanitarias, formación e equipamento do persoal, mellora tecnolóxica das instalacións docentes, actualizacións e ampliacións das infraestruturas de soporte á docencia, actuacións sobre a fenda dixital e apoio a actuacións para docencia mixta
Lugo, Santiago de Compostela

A USC recibirá da administración autonómica máis dun millón de euros en concepto de fondos adicionais para afrontar a adaptación no curso 20/21 á nova situación xerada pola pandemia da COVID-19. O uso dos fondos deberá centrarse en medidas sanitarias, formación e equipamento do persoal, mellora tecnolóxica das instalacións docentes, actualizacións e ampliacións das infraestruturas de soporte á docencia, actuacións sobre a fenda dixital, e apoio a actuacións para docencia mixta. En conxunto a Consellaría de Educación, Universidades e Formación Profesional dotará ás universidades galegas de tres millóns de euros, que se repartirán en función dunha cuantía fixa para cada unha das tres institucións e outra parte variable que se dividirá en función do indicador do coste estándar co que se reparte o fondo estrutural do Plan de Financiamento. Cada unha delas poderá decidir libremente como asignar estes fondos en funcións das particulares necesidades e de acordo coa súa autonomía de xestión.

Esta achega adicional foi o punto central dun encontro celebrado este martes entre o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e representantes dos equipos xerenciais e das vicerreitorías de Economía das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo. A súa finalidade é que as universidades realicen o inicio de curso con plenas garantías académicas e sanitarias. Tense en conta, ademais, que xa coa suspensión das clases por mor da pandemia o pasado mes de marzo as universidades tiveron que afrontar gastos adicionais centrados arredor de tres eixes: a mellora das infraestruturas TIC e a formación en competencias dixitais do persoal; a colaboración coas autoridades sanitarias entregando material e adaptando laboratorios e produción de artigos útiles para a loita contra a pandemia; e a cobertura da fenda dixital de parte do estudantado universitario.

Instrucións e plans

A través das Instrucións de previsión de medidas de adaptación das universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso 2020/2021, a Consellaría estableceu uns requisitos mínimos que garantan a calidade da docencia que se vai impartir nos centros docentes universitarios no vindeiro curso 2020-21. De acordo a elas, e co obxectivo de asegurar o cumprimento dos criterios de calidade, a guía docente de cada unha das materias incluídas no plano de estudos dunha titulación oficial de grao ou máster universitario que se imparta no SUG deberá incluír un apartado denominado “Plano de continxencia”. Nel estableceranse as medidas de adaptación aos distintos escenarios previstos, tanto das metodoloxías docentes como dos sistemas de avaliación.

Ademais, cada universidade deberá elaborar un plan xeral de prevención e control sanitario para a institución, con medidas adaptadas a cada un dos centros, dada a heteroxeneidade dos espazos e das actividades docentes que neles se desenvolven. Unha vez cumpran estes requisitos, os diferentes centros universitarios estarán en condicións de garantir ao persoal e ao alumnado un ambiente seguro desde o punto de vista sanitario e académico.
 

A xuntanza celebrouse na Consellaría coa participación de representantes dos equipos de xerencia e das vicerreitorías de Economía das tres universidades
A xuntanza celebrouse na Consellaría coa participación de representantes dos equipos de xerencia e das vicerreitorías de Economía das tres universidades. Foto: Xunta de Galicia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2020.