A USC recibiu unha comitiva luso-brasileira de responsables de ensino superior

O reitor da USC, Juan Viaño, e a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, recibiron este venres na Reitoría unha comitiva de responsables e reitores de institucións de ensino superior de Brasil acompañados do vicepresidente para a Investigación, Internacionalización e Innovación do Instituto Politécnico do Porto (Portugal).
A xuntanza xurde do interese de diversas universidades brasileiras agrupadas no Conselho Nacional das Instituições da Rede Federal de Educação Profissional, Científica e Tecnológica (Conif) por coñecer os programas de doutoramento da USC e estudar así posibles vías de colaboración e intercambio nesta área. Conif é unha institución brasileira de discusión, proposta e promoción de políticas de desenvolvemento da formación profesional e tecnolóxica, a investigación e a innovación. Esta entidade congrega 38 institutos federais, dous centros federais de educación tecnolóxica e o Colexio Pedro II do país americano.
En concreto, mostráronse interesados nos programas de doutoramento dos ámbitos de dereito, educación, comunicación e información contemporánea, investigación agraria e forestal, xestión sustentable da terra e do territorio, e enerxías renovables e sustentabilidade enerxética. Para iso, na xuntanza participaron os profesores da USC e directores de programas de doutoramento Amelia González Méndez, Elena Fer´nández Rey, Miguel Tuñez e José R. Leis Fidalgo, este último director da Escola de Doutoramento Internacional.