A USC recolle este xoves o premio solidario da ONCE
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, recollerá este xoves 26 ás 19.30 horas no Centro Ágora da Coruña un dos Premios Solidarios de ONCE Galicia na súa sexta edición. Á institución compostelá recoñécenselle “as numerosas actuacións e iniciativas realizadas destinadas a lograr a plena integración do alumnado na comunidade universitaria e a eliminación de todo tipo de barreiras”. O xurado valorou tamén a adopción na USC de medidas “que no están xeneralizadas en todo o ámbito universitario español” para favorecer a inserción do estudantado con discapacidade, como son os Campus Inclusivos ou a creación dunha cátedra de atención á diversidade, entre outras accións. Os galardóns teñen por obxecto premiar persoas, entidades, institucións ou medios de comunicación que realizan un labor solidario en favor da inclusión social de toda a ciudadanía, a autonomía persoal, a accesibilidade universal e a vida independente e que coincidan cos valores da cultura institucional da ONCE e a súa Fundación. Xunto á USC son tamén merecedores deste recoñecemento o Banco de Alimentos Rías Altas, o documental ‘Discamino’ de La 2 de TVE e o médico José Fernández Pernas, fundador de Renacer. O xurado estivo formado pola secretaria xeral de Política Social da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro; o presidente de Cermi-Galicia, Anxo Queiruga; os profesionais da comunicación Antón Luaces, Ernesto Sánchez Pombo, Pablo Portabales, Tino Santiago, Paco Lodeiro e Martina López Canicoba; a presidenta do Consello Territorial ONCE Galicia e do xurado, Dolores Venancio; o delegado territorial de ONCE Galicia, Manuel Martínez Pan; e a directora técnica da Dirección de Comunicación e Imaxe ONCE, Beatriz Cursach.