Ir o contido principal

A USC recolleu en Barcelona o premio Mellores Ideas 2013 que concede Diario Médico pola Aula de Simulación Virtual de Medicina

A USC recolleu en Barcelona o premio Mellores Ideas 2013 que concede Diario Médico pola Aula de Simulación Virtual de Medicina
A USC recolleu en Barcelona o premio Mellores Ideas 2013 que concede Diario Médico pola Aula de Simulación Virtual de Medicina

A publicación Diario Médico elixiu a Aula de Simulación Virtual da Facultade compostelá de Medicina, posta en marcha pola Cátedra de Educación Médica da USC e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, como unha das Mellores Ideas da Sanidade do Ano na categoría de Política profesional. O recoñecemento recollérono este luns en Barcelona o decano da Facultade compostelá, Juan Gestal; o director da Cátedra, Víctor Arce; e o presidente da Sociedade mencionada, Benjamín Abarca. Novo método de ensinanza A devandita aula, inaugurada recentemente, tenta dar resposta ás novas necesidades de formación mediante o entrenamento específico en condicións de simulación da realidade coa axuda de monitores e dispositivos técnicos e a aplicación de técnicas de aprendizaxe integrada, activa e baseadas no discente. Os programas de entrenamento deben ser o máis aproximados posible á realidade e basearse non só na actuación baixo condicións verosímiles, senón na automonitorización para a corrección de erros e mellora da práctica clínica real. Todos eses recursos sona demais aproveitados para impartir diversas materias con distintos contidos pero con similar metodoloxía docente, como técnicas de atención a urxencias e emerxencias, procedementos de cirurxía menor e técnicas de entrevista clínica e comunicación asistencial. Empréganse maniquís que reproducirán comportamentos e situacións críticas propias do ser humano permitindo actuar en situacións, biolóxicas e de estres, similares á vida cotiá. Deste modo preséntase a oportunidade de adquirir destrezas de actuación para o manexo de situacións clínicas antes de poñelas en práctica con pacientes reais. Ademais, a videoanálise permite observar e valorar actuacións propias ou alleas en tempo real, con audio e vídeo, para ser comentadas e optimizar o proceso de aprendizaxe en calquera das áreas formuladas: RCP, cirurxía menor e entrevista clínica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.11.2013.