Ir o contido principal

A USC recoñece o estudantado de ensino medio coas mellores notas en Selectividade

Os 342 estudantes cunha cualificación mínima de 9 na parte xeral das Probas de Acceso a Universidade de xuño reuniranse este venres 5 en Compostela convocados pola Universidade de Santiago. O acto, no que a USC quere recoñecer o esforzo do alumnado galego nestas probas que permiten o acceso á Universidade, terá lugar ás 18.00 horas no Auditorio de Galicia. Os 342 estudantes –142 homes e 200 mulleres– pertencen a 147 centros de Ensino Medio de Galicia. A maior parte (157) son da provincia da Coruña, seguidos por Pontevedra (97), Lugo (51) e Ourense (37). A destacar que os tres mellores alumnos nas PAAU deste ano pertencen ao Concello de Lugo. O acto estará presidido polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, e nel intervirán a futura alumna de Medicina da USC Andrea Buján López, do CPR San José de Lugo; o director do IES A Paralaia de Moaña, Ramón Eixo Blanco; e o alcalde do Concello de Santiago, Ángel Currás.

Os estudantes estarán acompañados dos seus familiares e responsables e titores dos centros educativos, contabilizándose máis de 1.000 asistentes a este acto que conta coa colaboración do Concello de Santiago, o Consello Social da USC, o Consorcio da Cidade de Santiago, Decathlon e Cocacola.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2013.