Ir o contido principal

A USC reitera o seu compromiso coa transparencia na Memoria de Responsabilidade Social 2013

A redución do financiamento e da autonomía universitaria nun contexto complexo para a Educación Superior marcan a Memoria de Responsabilidade Social do 2013. O documento pretende ser unha ferramenta de utilidade para que a sociedade poida analizar e avaliar o cumprimento dos compromisos e dos obxectivos estratéxicos da Universidade de Santiago de Compostela. Na elaboración da Memoria de Responsabilidade Social 2013 seguíronse as pautas de anteriores memorias, así recóllense os principais acontecementos e resultados que definiron o exercicio 2013 e o curso académico 2012-2013, procurando resaltar os seus vínculos co cumprimento do Plan Estratéxico 2011-2020 da USC. A súa estrutura divídese en dez apartados: unha introdución que aclara o modelo de responsabilidade social na USC, sete apartados que describen os esforzos e logros en ámbitos diferentes, un apartado específico de análise dos resultados no marco do Plan Estratéxico 2011-2020 e un apartado final de perspectivas cara o futuro. A Memoria de Responsabilidade Social aborda as condicións de traballo das persoas nun contexto de cambios normativos que afectaron á autonomía e ao financiamento universitario. Así, destaca as negociacións co goberno autonómico para acadar un sistema de financiamento estable e o esforzo para captar recursos externos. O informe tamén salienta os avances na implantación da administración electrónica, a reforma administrativa na xestión académica e a racionalización da xestión de contratos como medida para lograr unha maior eficiencia na xestión. Na xestión do capital humano, o documento recolle o esforzo da institución por paliar o impacto das normativas estatal e autonómica sobre as condicións retributivas do persoal. No eido da xestión social do coñecemento abórdanse as actuacións sobre a oferta de títulos de grao de posgrao e de programas de doutoramento adaptándoos á demanda e a normativa vixente e os programas específicos para dar a coñecer a USC nos centros de ensino. A redución de financiamento marca o capítulo dedicado á investigación e transferencia de coñecemento, destacando a consecución de fondos externos, o fomento do emprendemento e os esforzos para aumentar a proxección internacional da USC. A extensión e voluntariado conforma outro capítulo do documento no que se destaca a participación da USC en diferentes campañas, o aumento do número de voluntarios e as numerosas actividades culturais desenvoltas durante todo o ano. No apartado do compromiso co medio ambiente a memoria recolle a xestión do impacto ambiental e a pegada ecolóxica da USC. Por último o documento establece como aspectos estratéxicos na xestión futura da institución a implantación do Campus Terra no Campus de Lugo, a reorganización da oferta de títulos e a incorporación de novos modelos de ensino, impulsar a estratexia de internacionalización e promoción exterior da USC e o deseño e implantación dun plan estratéxico de responsabilidade social. Avances no período 2010-2014 A USC foi a primeira universidade española en publicar unha memoria de responsabilidade social, converténdose en referencia nos ámbitos español e internacional en temas como as políticas de igualdade, de cooperación para o desenvolvemento, de saúde e seguridade laboral ou de desenvolvemento sostible. O contido desta memoria compleméntase co espazo web USC Responsable que, ademais de permitir a consulta directa de toda a información estatística da USC na sección USC en Cifras, quere fomentar a implicación e participación da comunidade universitaria a través das seccións A túa opinión conta e Todos facemos unha USC Responsable.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2014.