A USC reivindica o papel da educación para construír unha sociedade igualitaria e erradicar a violencia de xénero

A educación é unha ferramenta fundamental para a erradicación da violencia de xénero, e como tal “é no ámbito educativo onde se deben deseñar e implementar proxectos e estratexias para previla, sendo este o primeiro paso para acadar un auténtico modelo educativo igualitario, capaz de rachar cos mitos, estereotipos e prácticas discriminatorias no referente ao xénero”. Así comeza o manifesto de rexeitamento da violencia de xénero que esta mañá leu a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Ana María Porto Castro, no acto de conmemoración na USC do 25N.
Para pór fin a esa violencia, continúa o manifesto, é preciso “cambiar os esquemas tradicionais sobre como deben comportarse mulleres e homes e que o feminino e o masculino sexan valorados igualmente”. Por iso é importante traballar, desde a educación, coas xeracións máis novas “para evitar que as próximas sigan vivindo e construíndo unha realidade baseada na desigualdade”.
O persoal investigador de Ciencias da Educación que redactou o manifesto considera imprescindible un compromiso, individual e colectivo, “que permita deseñar un novo pacto educativo capaz de facer impensable calquera forma de exercer a violencia de xénero”. E aquí a universidade xoga, ao seu xuízo, un papel fundamental: “a comunidade universitaria non pode eludir esta responsabilidade porque a erradicación da violencia de xénero é un traballo diario e constante de todas as mulleres e todos os homes que conforman a nosa sociedade”.
Entrega de premios
Neste acto oficial de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres que presidiu en San Xerome a vicerreitora Dolores Álvarez Pérez entregáronse diversos premios, como os que recibiron Alejandro Nieto Lareo e José Francisco Méndez García no V certame Ruth Matilda Anderson polas fotografías ‘Non somos invisibles’ e ‘No entroido tamén’, respectivamente.
Na cerimonia tamén se entregaron os galardóns da sétima edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero. Na modalidade de docencia gañaron Carmen Franco Vázquez e Carol Gillanders polo traballo ‘Camiñando cara á inclusión da perspectiva de xénero nos proxectos artísticos’ e o segundo foi para Nélida Lamelas polas súas experiencias na utilización do póster ‘ Gasto público e dependencia desde a perspectiva de xénero’ en clases interactivas de Política Económica.
Na modalidade de investigación, o primeiro premio recaeu na proposta ‘O patrimonio (tamén) é noso. Cara a unha crítica patrimonial feminista’ de Guadalupe Jiménez Esquinas, mentres que as docentes Isabel Diz e Alba Nogueira se fixeron co segundo por ‘As cláusulas sociais na contratación pública: escudos contra os recortes de dereitos sociais?’. O terceiro foi para Ángeles López Cabarcos, Paula Vázquez Rodríguez e Clara Gieure por ‘Diferenzas de xénero e idade nos factores de risco psicosocial do acoso psicolóxico no traballo’.
Lemas
Por último, déronse a coñecer as propostas gañadoras do cuarto concurso de lemas contra a violencia de xénero , que no Campus de Lugo foron ‘Non quero o teu loito, quero a túa loita’, de Uxía Novoa López, e ‘Unha palabra fere tanto como un golpe. Intolerancia contra calquera tipo de violencia’ de Cándido Viña Pombo.
En Santiago gañaron os lemas ‘T OÑI, NOE MÍ, ANA, G LORIA, MA TILDE, LAU RA, BL ANCA, ES TEFANÍA, DOL ORES, CAR MEN, M ARÍA, CRIS TINA, JESSIC A... Denuncia, por ti, por elas’ de Sara Fandiño Piñeiro, e ‘O feminismo está a pasar. Contra a violencia de xénero, xuntas, diversas, libres e empoderadas!’ de Belén Rodríguez Soto.