Ir o contido principal

A USC rende homenaxe a Francisco Fernández del Riego no volume Sementar os ares novos

Preséntase este venres 3 ás 11.30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome

No centenario do nacemento de Francisco Fernández Del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) e no octoxésimo aniversario do discurso ‘La Universidad gallega ante el momento actual’ que pronunciou como representante do estudantado na inauguración do curso 1933-1934, a Universidade de Santiago editou o volume Sementar os ares novos, unha homenaxe da institución ao intelectual galego. O libro, que incorpora a ´reprodución facsímile dese discurso, presentarase este venres 3 ás 11.30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome nun acto no que participarán o reitor Juan Casares Long; o coordinador da publicación, Henrique Monteagudo; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés. Con prólogo do reitor Casares Long, e ademais da reprodución do mencionado discurso, o volume recolle unha reflexión do profesor Monteagudo acerca do papel de Fernández del Riego na galeguización da Universidade durante a II República e un texto do propio homenaxeado no que explicaba a súa función no movemento estudantil compostelán da época.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.01.2014.