Ir o contido principal

A USC e representes da universidade de Wageningen participan en recepcións institucionais na Deputación e no Concello de Lugo

Ramil, García Herradón, Méndez, Zuurbier e Timmermans, na Deputación de Lugo
Ramil, García Herradón, Méndez, Zuurbier e Timmermans, na Deputación de Lugo
As visitas, nas que participaron os vicerreitores Pedro García Herradón e Pablo Ramil, buscan acadar o apoio das institucións locais e provinciais ao proxecto de Campus Terra

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación, Pablo Ramil, participaron este venres xunto con Peter Zuurbier e Willem Timmermans, en representación da universidade holandesa de Wagheningen nas recepcións institucionais ofrecidas polo Concello e a Deputación de Lugo.

A presenza destes representantes da universidade de Wageningen na capital luguesa obedece ao feito de que a citada universidade holandesa é o modelo escollido polos profesionais que están a traballar na elaboración da definición do plan estratéxico do Campus Terra, un proxecto que busca afondar na especialización do campus lugués arredor de sete áreas temáticas, entre as que teñen un peso específico singular as ligadas á terra e o territorio, produción, calidade e seguridade alimentaria, gandería e veterinaria, xestión do patrimonio cultural e pemes, entre outras. O obxectivo destas visitas institucionais é, segundo indicou o vicerreitor Pedro García Herradón, e achegar aos representantes das principais institucións públicas locais, provinciais e autonómicas algunhas das chaves do proceso de transformación experimentado hai xa tres lustros pola Universidade de Wageningen, que “compartía entón unha realidade semellante á do campus de Lugo no que atinxe á caída do seu estudantado e tamén respecto da perda dos fondos e achegas para tarefas de I+D+i”, segundo indicou García Herradón. Os holandeses Peter Zuurbier e Willem Timmermans, que xa participaron o pasado mércores nun encontro dos distintos grupos de investigación e responsables académicos do campus de Lugo para expoñerlles o modelo de universidade seguido en Wageningen, tamén participaron hoxe nun encontro co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares. O vicerreitor do campus de Lugo, que tamén acompañou os emisarios holandeses no encontro co reitor, participou tamén esta mañá na xuntanza que os dous profesores da Universidade de Wageningen mantiveron cos responsables da Axencia Galega de Innovación (Again) en Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2013.