Ir o contido principal

A USC retoma a participación en feiras internacionais presenciais coa asistencia á EAIE

O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na institución, segundo un estudo realizado polo antigo Servizo de Relacións Exteriores. Alumnado paseando polo campus. FOTO: Santi Alvite
O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na institución, segundo un estudo realizado polo antigo Servizo de Relacións Exteriores. Alumnado paseando polo campus. FOTO: Santi Alvite
A estratexia de captación de alumnado internacional deseñada para este curso académico combina eventos virtuais e presenciais orientados fundamentalmente ao mercado iberoamericano
Lugo, Santiago de Compostela

A Oficina de Captación Internacional da USC retoma este semestre a asistencia a feiras presenciais internacionais coa participación no evento institucional da Asociación Europea para a Educación Internacional (EAIE) en Barcelona, enfocado ao mercado europeo. Tras dous anos de ausencia por mor do contexto pandémico, a estratexia deseñada para este curso académico pola Oficina de Captación Internacional, dependente da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, está baseada nun modelo mixto que combina eventos presenciais e virtuais.

A captación de alumnado internacional é un dos labores fundamentais da Oficina de Captación Internacional, que se executa coa presenza da USC nas feiras internacionais máis relevantes do sector, tanto para ‘networking’ coma para captación de alumnado de grao e posgrao. “A USC recibía antes da pandemia máis de 1.100 alumnos internacionais cada curso académico. Actualmente seguimos a traballar para que esta cifra continúe medrando. Ademais de áreas xeográficas máis consolidadas, como é o caso de Iberoamérica, hai outras rexións ás que se acude con carácter prospectivo”, sinala a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.

A trixésimo segunda edición da EAIE celébrase este ano en Barcelona do 13 ao 16 de setembro. O antigo Servizo de Relacións Exteriores viña participando anualmente nas tres feiras internacionais institucionais máis relevantes do sector, onde as universidades entran en contacto para buscar programas en común. “Existen tres conferencias anuais de profesionais do sector: unha enfocada a América (NAFSA), outra ao mercado asiático (APAIE) e unha terceira centrada en Europa (EAIE). A sede destes eventos é itinerante”, indica López Couso.

No mes de outubro a USC presentará a súa oferta académica en Bogotá (Colombia) na feira ExpoPosgrados. A participación presencial nestes eventos combinarase con dúas actividades virtuais o 20 e 21 de setembro, un webinario dirixido a toda Iberoamérica e outro específico para Brasil.

A Oficina de Captación Internacional levou a cabo durante os dous últimos anos un transvase ao dixital dos eventos motivado pola pandemia. As novas circunstancias promoveron a creación, deseño e implementación destes novos formatos en liña para dar a coñecer a oferta académica da USC no estranxeiro, que suscitaron moito interese.

As iniciativas promovidas no contexto pandémico estaban dirixidas a públicos diferentes. O primeiro evento, celebrado en 2021, tiña como principal obxectivo presentar a oferta académica de doutoramento ao estudantado iberoamericano coa celebración dunha sesión na que participaron o director e os subdirectores da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS). A principios do 2022 celebrouse un evento desenvolvido en catro xornadas para presentar a oferta académica de mestrado, dirixido tamén aos países de Iberoamérica.

Un 90% do alumnado repetiría na USC

O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na  institución, segundo un estudo realizado polo antigo Servizo de Relacións Exteriores. Esta mesma enquisa puxo de manifesto que o estudantado internacional é un importante embaixador da USC cando regresa á súa universidade de orixe. Un 40% dos novos estudantes decántase pola institución compostelá en base á experiencia positiva de alumnos internacionais de cursos precedentes.

A ampla oferta académica da nosa universidade en diferentes áreas de coñecemento, a súa longa tradición, a oferta de servizos culturais e deportivos ou a experiencia de estudar e vivir nos campus de Lugo e Santiago, dúas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, son algúns dos factores que fan que o alumnado estranxeiro se decante pola USC. Por outra banda, a calidade de vida, os prezos económicos e a posibilidade de mobilidade para visitar outras cidades no ámbito estatal ou internacional xogan tamén un papel importante.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2022.