Ir o contido principal

A USC retomará o próximo semestre a participación en feiras presenciais de captación de alumnado internacional

Imaxe de arquivo dunha clase de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
A estratexia deseñada combina eventos virtuais e presenciais orientados fundamentalmente ao mercado iberoamericano
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo de Captación Internacional (SCI) da USC retomará o próximo semestre a asistencia a feiras de captación de alumnado internacional tras dous anos de ausencia por mor do contexto pandémico. A estratexia deseñada polo Servizo de Captación Internacional, dependente da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, está baseada nun modelo mixto que combina eventos presenciais e virtuais.

No mes de setembro a USC asistirá á feira institucional da Asociación Europea para a Educación Internacional (EAIE) en Barcelona, enfocada ao mercado europeo, e a principios de outubro presentará a súa oferta académica en Bogotá (Colombia) na feira ExpoPosgrados. A participación presencial nestes dous eventos combinarase con dúas actividades virtuais a finais de setembro, un webinario dirixido a toda Iberoamérica e outro especificamente para Brasil.

A captación de alumnado internacional é un dos labores fundamentais do SCI, que se executa coa presenza da USC nas feiras internacionais máis relevantes do sector, tanto para ‘networking’ coma para captación de alumnado de grao e posgrao. “A USC recibía antes da pandemia máis de 1.100 alumnos e alumnas internacionais cada curso académico. Dende o Servizo de Captación Internacional seguimos a traballar para que esta cifra continúe medrando. Hai zonas máis consolidadas, como é o caso de Iberoamérica, e logo hai rexións ás que se acude con carácter prospectivo”, explica a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.

O Servizo de Captación Internacional levou a cabo durante os últimos anos un transvase ao dixital dos eventos motivado pola pandemia. As novas circunstancias promoveron a creación, deseño e implementación destes novos formatos en liña para dar a coñecer a oferta académica da USC no estranxeiro, que suscitaron moito interese. As iniciativas promovidas polo Servizo no contexto pandémico estaban dirixidas a públicos diferentes. O primeiro evento, celebrado en 2021, tiña como principal obxectivo presentar a oferta académica de doutoramento ao estudantado iberoamericano coa celebración dunha sesión na que participaron o director e os subdirectores da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS). A principios do 2022, celebrouse un evento desenvolvido en catro xornadas para presentar a oferta académica de máster, dirixido tamén aos países de Latinoamérica.

O 90% do alumnado repetiría

O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na nosa institución, segundo un estudo realizado polo antigo Servizo de Relacións Exteriores. Esta mesma enquisa puxo de manifesto que o estudantado internacional é un importante embaixador da USC cando regresa á súa universidade de orixe. Un 40% dos novos estudantes decántase pola institución compostelá en base á experiencia positiva de alumnos internacionais de cursos precedentes.

A ampla oferta académica da USC en diferentes áreas de coñecemento, a súa longa tradición, a oferta de servizos culturais e deportivos ou a experiencia de estudar e vivir nos campus de Lugo e Santiago, dúas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, son algúns dos factores que fan que o alumnado estranxeiro se decante pola institución compostelá. Por outra banda, a calidade de vida, os prezos económicos e a posibilidade de mobilidade para visitar outras cidades no ámbito estatal ou internacional xogan tamén un papel importante.

Xanela única de atención ao alumnado

Unha das tarefas fundamentais do persoal do SCI é o asesoramento do alumnado internacional que chega á USC. O servizo funciona como unha xanela única que facilita a tramitación administrativa de todo o proceso de incorporación destes estudantes á Universidade. “O alumnado estranxeiro é recibido ao chegar por persoal cualificado, que coñece diferentes linguas así como a súa idiosincrasia, e é orientado e atendido en todo momento, tanto no que se refire aos trámites burocráticos e administrativos como o relativo a aspectos prácticos da vida en Galicia”, explica María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización.

Ademais da asistencia a feiras de captación no exterior e da atención de alumnado, o SCI realiza outras tarefas de vital importancia a prol da internacionalización. Destacan a coordinación de axentes educativos, a definición da política de exploración de rexións potencialmente interesantes e o deseño e posta en marcha de estratexias de comunicación internacionais e campañas de márketing dixital.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2022.