A USC reúne en Cantabria a 50 especialistas en matemáticas no Primeiro Seminario Atlántico de Xeometría
A USC organiza esta semana, en colaboración coas universidades de Cantabria, País Vasco e Rennes, o Primeiro Seminario Atlántico de Xeometría que se desenvolverá no Centro Internacional de Encontros Matemáticos (CIEM), en Castro Urdiales (Cantabria).
A xuntanza organízase co propósito de reunir anualmente a grupos de investigación de universidades francesas e españolas que comparten unha situación xeográfica común e unha estreita relación con universidades latinoamericanas. Trátase de favorecer a colaboración entre equipos con intereses e visión diferentes, promovendo unha aproximación multidisciplinar á solución de problemas importantes situados na fronteira das áreas tradicionais.
Nesta primeira edición participan uns 50 especialistas de 9 países diferentes, sendo a maioría franceses, pero tamén de Bélxica, Brasil, Canadá, México, Estados Unidos, Rusia e Uruguai. Os participantes agrúpanse sobre todo nos grupos de investigación ECSING e FSD pertencentes ás universidades de Cantabria, País Vasco, Santiago de Compostela e Valladolid e no GDR Platon das grandes escolas ENS Paris e Poly- technique e as universidades de Amiens, Grenoble, Lille, Lyon, Nice, Paris-Sud, Rennes, Strasbourg, Toulouse e Tours. Hai ademais unha ampla representación de persoal doutor e doutorando novo de diversas nacionalidades.
Para este encontro elixiuse como tema de estudo as relacións dinámicas que se establecen entre os obxectos (matemáticos) por medio de simetrías. Ao longo de catro xornadas, do 12 ao 15 de maio, abordaranse temas particulares diferentes pero que comparten o espírito xeométrico e o interese polos aspectos dinámicos.
Cada xornada consiste nunha ou dúas conferencias impartidas por expertos de recoñecido prestixio, unha ou dúas charlas de novos investigadores e unha sesión de discusión a cargo de tres dos mellores especialistas mundiais nas áreas da xeometría e dos sistemas dinámicos como son Étienne Ghys, da École Normale Supérieure de Lyon; François Ledrappier, da Universidade de Notre Dame e da Pierre et Marie Curie de Paris; e Alberto Verjovsky, da UNAM Cuernava.
O comité organizador está formado por Fernando Alcalde Cuesta, da USC; Nuria Corral, da Universidade de Cantabria; Françoise Dal'bo, da Université de Rennes; e Marta Macho Stadler, da Universidade do País Vasco.