A USC reúne en Compostela aos grupos teatrais universitarios galegos

A USC será a partir do 26 de maio e ata o 5 de xuño o escenario no que os grupos de teatro universitario de toda Galicia se darán cita para achegar ao público as súas últimas producións. Son doce as compañías -nove da USC, dúas da Universidade de Vigo e unha da Coruña- que participarán nesta novena edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia.
A mostra presentárona en rolda de prensa o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; o director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro; e o responsable da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, que destacaron o “carácter único” deste festival en Galicia, que reúne aos grupos teatrais xurdidos no contorno das tres Universidades.
Doce funciónsO programa inaugurarao o luns 26 a Compañía Bicodobrelo da USC con ‘Comedia bífida’, de M. Núñez Singala, a quen lle seguirá o martes outro grupo compostelán, da Facultade de Ciencias da Educación, coa obra ‘AMORtriscos: cousas que dicirnos’, de Sergi Belbel e José Luís Alonso de Santos. Xa o mércores 28 será a Aula de Teatro do Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo) a que poña en escena ‘Top Girls’, de Caryl Chessman.
‘Teatro da Falúa’, da USC, fará unha adaptación teatral de Stephen Briggs da obra ‘Mort’, de Terry Pratchett, o xoves 29, para pasarlle a quenda o venres á Aula de Teatro da Universidade da Coruña que representará ‘Ubu Rei’, de Alfred Jarry.
A fin de semana contará con tres funcións de grupos da USC que darán comezo na tarde do sábado con Murmurios Teatro e a creación colectiva ‘En construción’ e, xa de novo ás 21:00 horas, coa representación de ‘Unha traxedia calquera’ de Daniel Mondadori a cargo da compañía Terapia do Chicle. Tangatutanga Teatro será quen o domingo represente ‘O abano de lady Windermere’, de Oscal Wilde.
A segunda semana da mostra comezará coa posta en escena da obra ‘84’, baseada na novela ‘1984’ de George Orwell, a cargo da Aula de Teatro Maricastaña da Universidade de Vigo. O martes 2 será a Aula de Teatro da USC a que poña en escena ‘As raíñas’, de Werner Schwab’.
O certame rematará coa representación, os días 4 e 5, das obras ‘Golpe de estado’, de Manuel Alonso Alcalde, e ‘Minifundiolandia’, de Antonio de Valdivieso, a cargo das compañías santiaguesas NNC e Teatro no Aramio, respectivamente.
A maior parte da programación desenvolverase ás 21:00 horas no Salón Teatro, deixándose as dúas últimas funcións para o Teatro Principal e outra para a sala de teatro Roberto Vidal Bolaño da USC. A entrada a todas é gratuíta previa recollida polo despacho de billetes.