Ir o contido principal

A USC reúne os escritores Vicente Luis Mora, Antonio Orejudo e David Refoyo para reflexionar sobre a literatura actual

De esquerda a dereita, Antonio Orejudo, Vicente Luis Mora, Antonio Gil e David Refoyo (Foto: SERVIMAV-USC)
De esquerda a dereita, Antonio Orejudo, Vicente Luis Mora, Antonio Gil e David Refoyo (Foto: SERVIMAV-USC)

O Centro de Estudos Avanzados da USC acolle este venres unha xornada de debate na que os escritores Vicente Luis Mora, Antonio Orejudo e David Refoyo, representantes das tendencias máis recentes e anovadoras da narrativa do século XXI, reflexionan acerca da situación da literatura, o futuro do libro e a interacción coas linguaxes dixitais e os medios audiovisuais. Organizada polo grupo de investigación de Teoría da literatura e literatura comparada da USC, a II Xornada sobre Nova(s) Narrativa(s) ‘A literatura ten os séculos contados’ deu comezo co relatorio do escritor Vicente Luis Mora titulado ‘As linguaxes complexas da literatura: tradición non verbal e actualidade textovisual’. Crítico, profesor universitario e xestor cultural, Mora é autor de Circular, Alba Cromm e do blog Diario de lecturas. Sobre este tema publicou El lectoespectador (Seix Barral, 2012). Antonio Orejudo, profesor de literatura española da Universidade de Almería, interveu coa charla ‘¿Qué fai un chico do Século de Ouro coma min nun sitio como este?’. O relator é autor de Fabulosas narraciones por historias, Ventajas de viajar en tren e Un momento de descanso ademais de fundador de Diario Kafka. A xornada matinal completouse co escritor, músico, deseñador gráfico e publicista David Refoyo e o seu relatorio ‘Transmedia ou a herdanza de Nacho Cano no creador indie’. Autor de 25 centímetros e El día después, escribe o blog Una ciudad llamada Perdición. O encontro remata pola tarde cunha mesa redonda cos tres autores e o profesor de teoría da literatura e literatura comparada da USC e coordinador da Rede internacional sobre metaficción no ámbito hispánico, Antonio J. Gil González, titulada ‘A literatura ten os séculos contados’. A xornada organízaa o grupo de investigación de Teoría da literatura e literatura comparada da USC(Foto: SERVIMAV-USC)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2015.