Ir o contido principal

A USC reúne nun grupo de traballo diversos sectores da cidade para abordar a calidade de vida nos campus

O denominado ‘Plan de mobilidade sostible-Carril bici USC’ quere impulsar a creación dunha rede de carrís bici que lle dean resposta á mobilidade interior dos Campus Norte e Sur, e a conexión entre eles. FOTO: Pixabay
O denominado ‘Plan de mobilidade sostible-Carril bici USC’ quere impulsar a creación dunha rede de carrís bici que lle dean resposta á mobilidade interior dos Campus Norte e Sur, e a conexión entre eles. FOTO: Pixabay
Na xuntanza constitutiva deuse a coñecer unha proposta para os campus de Compostela con formas de mobilidade alternativa, así como vías para facer máis intensa a relación coa comunidade que os rodea
Santiago de Compostela

A USC acaba de constituír un grupo de traballo para a mellora da calidade de vida nos campus con representación de diversas institucións e asociacións veciñais, co que a institución pretende intensificar o vínculo dos espazos universitarios co tecido urbano e social no que se atopan inseridos. Abordar o uso comunitario das instalacións dos campus por parte da cidadanía e as asociacións é unha das metas formuladas neste grupo aberto á reflexión e ao debate. Potenciar a conexión das distintas zonas da cidade e a inserción dos campus na trama urbana a nivel de mobilidade; así como todas aquelas cuestións que melloren en xeral a vida nos campus son obxecto deste novo grupo de traballo que botou a andar este luns 24 no Centro de Estudos Avanzados.

Nesta primeira reunión do grupo de traballo presentouse unha proposta de mobilidade urbana para os campus de Santiago de Compostela na que se contemplan formas de mobilidade alternativa, así como vías para facer máis intensa a relación dos campus coa comunidade que os rodea. Neste senso, cómpre salientar a vontade de traballar para incorporar as achegas que poidan facer os distintos membros do grupo.

Carrís bici

O denominado ‘Plan de mobilidade sostible-Carril bici USC’ quere impulsar a creación dunha rede de carrís bici que lle dean resposta á mobilidade interior dos Campus Norte e Sur, e a conexión entre eles. O obxectivo no deseño do trazado e na formalización do circuíto ciclista é crear un espazo que achegue seguridade e comodidade de uso na calzada aos usuarios, salientando a súa presenza e dereito ao uso da mesma, fronte ao dominio dos vehículos motorizados privados. Ante ao grao alto de consolidación da trama urbana das áreas de traballo, tanto nos Campus USC como no casco vello e contorna do hospital, a premisa é a de crear un circuíto ciclista baseado na convivencia na calzada da bicicleta cos vehículos motorizados e que, alén de fomentar a mobilidade intercampus, conecte tamén coa Estación Intermodal Santiago.

A correcta sinalización das rutas en bici é un punto clave dentro do plan, con especial atención aos casos onde se aposta por unha modalidade compartida da calzada, xa que reforza a lexitimidade do tráfico ciclista en vías historicamente motorizadas. Dentro do percorrido, introdúcense tamén paradas e puntos de préstamo de bicis. Como parte da proposta de mobilidade sostible impulsada pola USC, engádese unha flota de bicicletas eléctricas para préstamo aos usuarios universitarios. Estas estacións de carga e préstamo contarán tamén con espazo de aparcadoiro de bicicletas privadas, e disporán en torno a elas dun espazo de parada, relación e encontro na comunidade da USC, con mobiliario público, pérgolas e espazos de sombra ou a resgardo da choiva.

Integrantes

Na sesión constitutiva participaron o xerente Javier Ferreira, a vicexerenta xeral técnica, Pilar Martínez García; o director da Área de Infraestruturas, Xosé Antonio Rubal; a delegada do Reitor para Igualdade, Marta Pérez Pereiro; o delegado do Reitor para o Deporte, Javier Rico Díaz; Eva Gómez Diago, técnica superior de xestión da Área de Xestión e Valorización de I+D+i; Lucía Rodríguez Martínez, pertencente ao negociado do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS); a estudante do grao en Medicina, Antía Vilas Olveira; Miguel Guisantes Alonso, en representación da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS); Emilio Vázquez Lage, representante do Consello de Estudantado; o profesor Faustino Gómez Rodríguez; Adrián Dios Vicente, vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; e María da Alba Nogueira López, catedrática de Dereito Administrativo. Tamén forma parte do grupo a vicerreitora de Cultura e Estudantes, Pilar Murias.

Xunto a eles, contouse con representación co Concello de Santiago, da Axencia Galega de Infraestruturas, Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, así como das asociacións veciñais Cidade Histórica Fonseca, Santa Marta-Choupana, Raigame-Ensache, San Lourenzo-Río Sarela, Plataforma de Galeras e AA.VV. Álvaro Cunqueiro.

Potenciar a conexión das distintas zonas da cidade e a inserción dos campus na trama urbana a nivel de mobilidade; así como todas aquelas cuestións que melloren en xeral a vida nos campus son obxecto deste novo grupo de traballo que botou a andar este luns 24 no Centro de Estudos Avanzados. FOTO: Santi Alvite
Potenciar a conexión das distintas zonas da cidade e a inserción dos campus na trama urbana a nivel de mobilidade; así como todas aquelas cuestións que melloren en xeral a vida nos campus son obxecto deste novo grupo de traballo que botou a andar este luns 24 no Centro de Estudos Avanzados. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2022.