Ir o contido principal

A USC e Río Natura Monbus Obradoiro desenvolverán esta tempada un acordo de patrocinio

A presentación celebrouse no Salón Reitoral de San Xerome. Foto: Servimav-USC
A presentación celebrouse no Salón Reitoral de San Xerome. Foto: Servimav-USC

A USC e o club Río Natura Monbus Obradoiro asinaron un acordo de patrocinio que asocia a imaxe da institución académica e a do club de baloncesto compostelán para a presente tempada. O reitor Juan Viaño e o conselleiro da entidade deportiva, Óscar Rodríguez, presentaron este luns os detalles da colaboración nun encontro cos medios de comunicación celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Na presentación tamén estiveron presentes o director xeral do Obradoiro José Luís Mateo Grande; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; o presidente da Fundación Heracles, José Ángel Casal Fernández; a asesora da Vicerreitoría, Marta Carballo Fernández; e o profesor José Ángel Docobo, patrón da Fundación e presidente de honra do Club.

Esta nova aposta pola colaboración entre a USC e o Obradoiro “afianza a presenza da institución académica e a interacción coa súa contorna”, máxime cunha “entidade emblemática de Santiago”, valorou o reitor Juan Viaño. Como engadiu “a historia deste club é un relato de esforzo, sacrificio e superación que o ten situado na elite da competición deportiva, dando mostra da importancia de tales valores, plenamente compartidos pola USC”. Por parte do equipo deportivo, Óscar Rodríguez puxo a énfase na necesidade de que se manifeste a confluencia entre deporte e educación a partir daos vínculos que definen cada un destes ámbitos. O acordo “reflicte o papel que queremos potenciar e que o baloncesto de implique coa formación”.

A presente temporada, todos os membros da comunidade universitaria poderán acceder a promocións especiais na campaña de abonos. Concretamente poderán beneficiarse dunha minoración do custe que oscila entre o 15 e o 25% en función da zona adquirida. Ademais tamén se poderán adquirir entradas a prezo reducido ao longo de toda a tempada. Os descontos tamén serán de aplicación no merchandising do equipo, que deste xeito terá un recorte no prezo do 5%, o día dio partido na tende oficial do equipo ‘Miudiño store’, emprazada no hall do Pavillón Multiusos Fontes do Sar.

Ademais, a USC subvencionará en concepto de bolsas propias o importe de dúas matrículas en estudos oficias de grao ou máster de dous xogadores maiores de idade procedentes da canteira do Obradoiro que accederán a eles mediante os procedementos xerais establecidos e de acordo coa normativa vixente en materia de Xestión Académica. Tamén se ofertarán dúas bolsas para o Servizo Universitario de Residencias para os xogadores da canteira do club. Completando o paquete, catro xogadores do equipo profesional de baloncesto terán acceso a cursos do Centro de Linguas Modernas (CLM) para facilitar a súa aprendizaxe de española nivel 1+ (A1+) no curso 2016-2017.

Dende a formalización do presente contrato a USC entra a formar parte do Club de Empresas Obradoiro Gaiás (CEO Gaiás) entre cuxos membros se promocionará o proxecto Mentoring USC. Esta é unha iniciativa da USC que pon en contacto o alumnado de máster, graduados/as de último curso e titulados/as recentes con directivos/as e profesionais de empresas, coa fin de orientalos e apoialos na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional.

Ademais das anteriores iniciativas concretas, o acordo presentado recolle un paquete de medidas publicitarias e promocionais orientadas a dar a coñecer a imaxe da USC nas instalacións deportivas do Obradoiro así como na súa páxina web.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2016.