A USC e a Secretaría de Educación do Estado mexicano de Jalisco colaborarán en accións educativas e culturais

A Universidade de Santiago e a Secretaría de Educación do Goberno de Jalisco (México) estableceron un acordo de colaboración e cooperación en materia educativa e cultural. Na sinatura deste acordo, este venres no Colexio de San Xerome, participou o reitor, Senén Barro, acompañado do vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, e os representantes do Goberno de Jalisco, Pedro Díaz Árias e Sagrario Domínguez Stephens, coordinador de Educación e directora de Relacións Internacionais, respectivamente.
O convenio asinado establece as bases de colaboración para o desenvolvemento de proxectos de investigación e actividades académicas e científicas conxuntas; o intercambio de docentes, investigadores e estudantes, e de publicacións e outros materiais de interese común; e a colaboración en proxectos culturais, entre outros.
Para conseguir o correcto desenvolvemento de todas estas actividades elaboraranse programas operativos anuais integrados polos proxectos de colaboración específicos. Ademais, as partes asinantes poderán convidar a participar nas devanditas accións a outras institucións educativas, científicas e técnicas cuxas achegas podan enriquecer as propostas.