Ir o contido principal

A USC e o Seminario Galego de Educación para a Paz colaboran na realización de programas de voluntariado e participación social

De esquerda a dereita, Inmaculada Rúa Parada, Juan Viaño e Dolores Álvarez Pérez. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Inmaculada Rúa Parada, Juan Viaño e Dolores Álvarez Pérez. Foto: Servimav-USC

O reitor Juan Viaño e a presidenta da Asociación Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) , María Inmaculada Rúa Parada, asinaron este xoves 10 o convenio marco que regulará a colaboración da Universidade e o Seminario na realización de programas de voluntariado e participación social entre o estudantado universitario. O acto protocolario de sinatura celebrouse no Despacho Reitoral coa presenza da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez.

“Os programas de actuación con voluntarios e voluntarias son unha das vías máis axeitadas para favorecer a participación dos membros da comunidade universitaria e potenciar a responsabilidade social co seu contorno”, afirmou o reitor logo da sinatura do acordo marco. No futuro, a USC apostará por profundar en novos proxectos conxuntos, “sobre todo para iniciar outras vías de colaboración relacionadas coa investigación e o desenvolvemento de traballos sobre a educación para a paz en xeral ou especificamente sobre dereitos humanos, tolerancia, solidariedade, ecopacifismo, resolución pacífica de conflitos, interculturalidade ou cultura de paz”.

Inmaculada Rúa destacou a súa satisfacción por dar continuidade á colaboración entre a USC e SGEP e a importancia de traballar a prol do fomento da cultura de paz ou os valores cívicos, entre outros, entre a comunidade universitaria. A presidenta do Seminario tamén lembrou que esta sinatura coincide coa conmemoración do 30 aniversario da creación da asociación e do 70 aniversario da Declaración Universal de Dereito Humanos, dúas efemérides que foron motivo de diversos actos ao longo deste xoves en Compostela.

O acordo terá unha duración inicial de dous anos e implicará o desenvolvemento de programas de carácter asistencial, educativo, científico e de defensa da investigación, entre outros. A asociación SGEP proporá á universidade a realización do programa de voluntariado a partir do que a USC realizará a correspondente convocatoria de cobertura. O Seminario encargarase da realización dos cursos de formación de voluntarios/as, a coordinación do programa e a súa vixilancia.

A USC poderá colaborar na xestión dos programas achegando profesorado, ademais de poder establecer convenios específicos para que en determinadas actividades, o labor realizado poida ser recoñecido como créditos optativos ou de libre elección. Conformarán a comisión de seguimento a vicerreitora Dolores Álvarez Pérez; o coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria, Javier Agrafojo; a presidenta de SGEP, Inmaculada Rúa; e a coordinadora do grupo de Voluntariado da asociación, Begoña Brea Ramos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2015.